O prezo dos carburantes condiciona a costeira do bonito
Os carburantes representan o 50 % dos gastos
Piden que as bonificacións ao gasóleo se prorroguen ata finais de ano
A lonxa de Burela representa o 60 % das vendas e da comercialización do bonito en Galicia, pero este ano a costeira, como xa está a acontecer con outras pesqueiras, está condicionada polo elevado prezo dos carburantes.
Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela: "a marxe de viabilidade da actividade redúcese considerablemente. Se os nosos números de coste estimado máximo eran de 0,60 e hoxe está practicamente en 0,90 a realidade é que o custo de explotación é moito máis elevado".
Sinalan que o gasto en carburantes supón a metade dos gastos da costeira e demandan que se prorroguen ata finais de ano as bonificacións ao gasóleo.
Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela: "Pedímoslle ao ministerio que as axudas se prorroguen ata o 31 de decembro".
A costeira do bonito adoita arrancar a mediados de xuño, pero desta volta o prezo dos carburantes podería atrasar a saída dalgúns barcos.