O prezo do gas afoga as comunidades de veciños
Acada máximos históricos tras o inicio da guerra
As comunidades de veciños teñen que mercar no mercado libre
Moitas vivendas dispoñen de caldeiras de gas natural para a calefacción e a auga quente e o prezo das facturas non para de subir. De xaneiro do ano pasado a este o prezo do quilowatt aumentou nun 192 % e a situación complicouse aínda máis dende o inicio da guerra.
Ignacio Martínez, administrador de inmobles: "Está hoxe a 151 euros o quilowatt, e isto supón máis dun 400 % de suba. Isto supón que se a situación dura, van quebrar as contabilidades".
Esta situación afoga especialmente as comunidades de veciños con caldeira central que pola potencia que precisan só poden contratar a subministración no mercado libre. Dende as administracións de inmobles e asociacións de consumidores reclaman medidas como rebaixas de impostos ou que lles permitan acollerse ao mercado regulado.
Víctor Muñoz, presidente de FACUA Galicia: "Están pagando os prezos do mercado libre como se fosen unha industria, e isto non ten sentido porque cada veciño paga o seu gas. Habería que facer unha reforma lexislativa para engadir o caso de persoas físicas".
Algunhas comunidades comezaron xa a tirar de reservas para obras e os xestores advirten de que se a situación perdura, moitas familias non poderán facerlles fronte aos pagos.