O prezo do café acumula un incremento do 54% desde maio de 2024
Os españois toman de media máis de 560 cuncas ao ano
Entramos nunha cafetería da Gaiteira, na Coruña. Os seus propietarios apostaron por un café de especialidade, a pesar das reticencias iniciais dunha clientela descontenta co prezo.
"Queixábanse e queixábanse, pero probárono e agora veñen todos os días. De feito, repiten. Eu traballei en varias cafeterías e sempre era un café; aquí toman dous ou tres", conta Santiago, un dos propietarios da cafetería Tamago.
Preferiron reducir un pouco a marxe de beneficio e ofrecer un produto óptimo a un prezo asumible. No Tamago, o café con leite, o máis consumido, custa un euro con setenta.
Os clientes non pagan moito máis ca os doutros bares que traballan con café comercial. En xeral, todos pagamos máis porque o prezo en orixe está disparado, entre outras razóns porque as malas colleitas dos últimos anos reduciron o stock nun contexto de demanda crecente.
España non está entre os países máis consumidores de café. Aínda así, cada día bebemos máis de sesenta e sete millóns de cuncas e non semella que esteamos dispostos a prescindir delas. Porque o café tamén é a escusa para xuntármonos e compartir.
"Dáme o mesmo. Gústame e tómoo", di unha cafeteira incondicional.
"Non renuncio a el, se non tomamos café, que facemos?", di outro.
Unha muller que le o xornal engade que lle gusta tomalo fóra da casa "porque é un motivo para reunirse cunha amiga ou coa familia".