Publicador de contidos

Publicador de contidos

A luz alcanza este sábado o prezo máis barato dende o 12 de xuño

A luz alcanza este sábado o prezo máis barato dende o 12 de xuño

Baixa un 36,12 % con respecto ao venres

O mínimo pagarase entre as 11:00 e as 12:00

G24.gal 17/09/2022 09:05 Última actualización 17/09/2022 12:37

O prezo medio da luz para a clientela de tarifa regulada, vinculada ao mercado almacenista, cae este sábado un 36,12 % con respecto ao venres, polo que se sitúa en 177,46 euros o megawatt hora.

Segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE), será a xornada máis barata desde o 12 de xuño, tres días antes da entrada en vigor da "excepción ibérica".

No descenso xúntanse, por unha banda, unha menor demanda -habitual na fin de semana- e, pola outra, o incremento da xeración eólica, que este sábado vai cubrir o 26,6 % da demanda nacional.

Prezo da poxa máis compensación

Este prezo é o resultado de sumarlle a media da poxa no mercado almacenista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado, pola aplicación da "excepción ibérica" para poñer tope ao prezo do gas para a xeración de electricidade.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado almacenista -o denominado pool- situarase este sábado nos 61,68 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 21:00 e as 22:00 horas (167,5 euros/MWh) e o mínimo (10 euros/MWh), entre as 11:00 horas e as 12:00 horas.

A este prezo súmase a compensación de 115,78 euros/MWh ás gasistas que ten que ser aboada polos consumidores beneficiarios da medida, os da tarifa regulada (PVPC) ou os que, malia estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

Vantaxes da medida

En ausencia do mecanismo da "excepción ibérica", o prezo da electricidade en España sería de media uns 268,55 euros/MWh, o que supón 91,09 euros/MWh máis que coa compensación para a clientela da tarifa regulada, que pagará así un 33,92 % menos de media.

O mecanismo ibérico, que entrou en vigor o 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade