Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Premio Ourensanía recoñece o labor do oncólogo Rafael López López

O Premio Ourensanía recoñece o labor do oncólogo Rafael López López

"Ourense é unha forma de estar no mundo, unha identidade que nos acompaña", dixo 

G24.gal 10/11/2025 21:39

A Deputación de Ourense entregoulle esta tarde o Premio Ourensanía 2025 ao doutor Rafael López López, xefe do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de Santiago.

Natural de Vilamartín de Valdeorras, Rafael López é un dos investigadores máis reputados de España sobre o cancro. No seu discurso instou a investir todos os recursos posibles na ciencia. E reinvindicou a esencia ourensá da súa orixe en todos os logros da súa dilatada carreira como oncólogo.

Durante a súa intervención reivindicou que Ourense é "unha forma de estar no mundo" e "unha identidade" que o acompaña "alá onde vaia".

Nun acto celebrado no Teatro Principal da cidade de As Burgas, López agradeceu a oportunidade que lle brinda esta distinción para volver mirar á súa terra "co corazón na man, con emoción", aínda que tamén con tristeza despois dos incendios deste verán.

López mostrou o "orgullo" por representar á provincia porque en Vilamartín aprendeu "o valor do esforzo" cos seus pais e que a terra "dá froitos se se coida, se respecta e se ama".

Tamén tivo palabras de agradecemento para as súas compañeiras e compañeiros "que compartiron ideas, esforzos, noites sen durmir, ilusións e tamén decepcións".

Rafael López rematou cun chamamento á aposta pola investigación e innovación asegurando que é "o único camiño" para poder mellorar a calidade de vida das persoas, así como a única vía para asegurar a "sustentabilidade da nosa sociedade". "A ciencia é unha necesidade, non un luxo", reivindicou.

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que Rafael López recibe este premio como "recoñecemento pola súa valía e o orgullo das súas orixes", coa intención de que senta que a provincia lle está "devolvendo" un pouco de "o moito" que el "entregou aos demais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade