O prazo para apuntarse ao programa Verano Joven 2025 comeza este mércores
Os interesados deberán rexistrarse na páxina web do Ministerio co DNI ou NIE para obter os códigos que deberán utilizar para adquirir os billetes con descontos nas páxinas dos operadores

Os mozos de entre 18 e 30 anos poderán apuntarse a partir de mañá, mércores, ao programa Verano Joven do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que ofrece descontos de ata o 90 % para viaxar en tren e autobús por España e Europa entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
Os interesados deberán rexistrarse na páxina web do Ministerio (www.transportes.es) co DNI ou NIE para obter os códigos que deberán utilizar para adquirir os billetes con descontos nas páxinas dos operadores.
Cun orzamento de 120 millóns de euros, 10 millóns menos que na edición do ano pasado, Verano Joven está destinado aos nados entre o 1 de xaneiro de 1995 e o 31 de decembro de 2007 con nacionalidade española ou estranxeira e residencia legal en España.
As bonificacións serán efectivas para as viaxes realizadas entre o próximo 1 de xullo e o 30 de setembro en transporte público colectivo terrestre, tanto ferroviario como por estrada.
En 2025, aplicaranse as mesmas rebaixas ca en anos anteriores, de ata o 90 % sobre o prezo do billete sinxelo ou de ida e volta en servizos ferroviarios sometidos a Obrigacións de Servizo Público (OSP) de media distancia prestados por Renfe Viajeros.
O mesmo desconto, do 90 %, aplicarase sobre o prezo de billete sinxelo e nos de ida e volta nos servizos de autobús regular de viaxeiros competencia da Administración Xeral do Estado.
Así mesmo, haberá un desconto do 50 % sobre o prezo do billete sinxelo ou de ida e volta en servizos ferroviarios sometidos a OSP denominados Avant. Tamén, aplicarase unha rebaixa do 50 % sobre o prezo do billete sinxelo ou de ida e volta, de cada operador, en servizos comerciais ferroviarios, cun desconto máximo de 30 euros por traxecto.
Ademais, haberá un desconto do 50 % sobre o prezo comercial nos pases Interrail que se adquiran a través da páxina web de Renfe Viajeros. Interrail é un pase persoal e intransferible, que pode ser adquirido e utilizado por persoas residentes legalmente en Europa e que permite viaxar en tren por 33 países europeos ou en barco (entre Italia e Grecia).
Os obxectivos deste programa son reducir o uso do vehículo particular, coa consecuente redución de emisións e de sinistralidade; e achegar o transporte público colectivo terrestre aos mozos co fin de fidelizar novos pasaxeiros.
Tamén se busca fomentar o desenvolvemento persoal dos mozos, ao permitir que coñezan novos lugares e culturas, fortalecer as súas relacións sociais e potenciar o sector turístico e o cultural nacional.