Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP recuperará a alcaldía de Fisterra co apoio do edil crítico de Altenativa dos Veciños

O PP recuperará a alcaldía de Fisterra co apoio do edil crítico de Altenativa dos Veciños

Os cinco concelleiros do PP de Fisterra e o edil díscolo rexistraron este luns a moción de censura contra a alcaldesa, Áurea Domínguez Sisto

A iniciativa permitirá ao popular Luis Insua tomar o bastón de mando este mesmo mes

A alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez Sisto (Facebook) A alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez Sisto (Facebook)
G24.gal 04/08/2025 12:00

Os cinco concelleiros do PP de Fisterra, co apoio do edil díscolo de Alternativa dos Veciños (AV), Francisco Martínez Traba, rexistraron este luns unha moción de censura contra a alcaldesa Áurea Domínguez Sisto (AV). A iniciativa permitirá ao popular Luis Insua tomar o bastón de mando nesta localidade da Costa da Morte este mesmo mes.

A propia alcaldesa confirmou nas súas redes sociais que se presentou a moción de censura e que o pleno para a súa aprobación quedaba convocado para as 12:00 horas do décimo día hábil seguinte ao de hoxe, polo que se debaterá o 19 de agosto ao mediodía.

Na localidade de Fisterra esperábase o paso, tras os conflitos internos no seo do grupo de goberno no marco dos que a rexedora expulsou a Martínez Traba -que continuaba no grupo- do Goberno local. Domínguez gobernaba, así, con só dous dos 11 edís que, xunto a Martínez Traba, completan a corporación os cinco concelleiros do PP, dous do PSOE e un do BNG.

Ata hai unhas semanas un concelleiro que pertencese ao mesmo grupo político dun alcalde non podía ser o voto decisivo para sacar adiante unha moción de censura na súa contra, pero isto cambiou co ditame xudicial que elimina o veto á posibilidade de sustentar unha iniciativa deste tipo coas condicións que se dan no municipio de Fisterra.

En concreto, o pasado mes de xuño, o TC eliminou da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg) un apartado que permitía impedir unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga.

Aínda que ata este mes se rexistraron en Galicia cinco mocións de censura en dous anos -dúas delas nunha mesma localidade, O Irixo, e as tres restantes en Muxía, Outes e Viveiro, tras a decisión do TC que facilita este procedemento presentáronse outras tres mocións nun mes.

Así, a mediados de xuño o PP rexistrou unha no municipio pontevedrés de Forcarei co apoio dun exedil do PSOE, agora no grupo mixto, para arrebatar a alcaldía á socialista Verónica Pichel. A popular Belén Cachafeiro fíxose coa alcaldía nun pleno que tivo lugar o pasado 31 de xullo grazas ao apoio do exsocialista Rafael Fiestras.

Os municipios de Noia e Touro, ambos na provincia da Coruña, serán tamén a próxima semana escenario de senllas mocións de censura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade