A alcaldesa socialista de Vilalba non supera a cuestión de confianza
O BNG volveu votar en contra dos orzamentos, aínda que avanzou que non apoiará un cambio de goberno
Marta Rouco, nunha imaxe do día da súa toma de posesión
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco (PSOE), non superou este xoves a cuestión de confianza convocada polo equipo de goberno, ao non saír adiante os orzamentos na votación do pleno de marzo.
Novamente, o voto negativo do único concelleiro do BNG, Constantino Alvite, que se sumou ao Partido Popular, impediu superar esta nova fase ao equipo de goberno de Marta Rouco, que está formado pola coalición de PSOE e Vilalba Aberta.
Ábrese agora un prazo dun mes, ata o 9 de maio, para que a oposición presente unha moción de censura ao Goberno bipartito e, de non ser así, quedarán aprobados os orzamentos de forma automática. A pesar deste voto negativo ás contas, o concelleiro do BNG xa anunciara que non apoiará ningunha moción de censura.
As contas que presentou o equipo de goberno ascenden a 14,2 millóns de euros, un documento que o Partido Popular considera que é un reflexo de "falta de xestión e planificación"; mentres que o BNG cre que non tivo en conta as súas propostas, e que os acordos que alcanzaron para apoiar un goberno de esquerdas "non se cumpriron".
Durante o debate, os distintos grupos políticos repetiron os argumentos que se presentaron na sesión plenaria ordinaria e todos mantiveron o voto, a pesar de que PSOE e Vilalba Aberta instaron o nacionalista a absterse "como unha forma de manter o seu rexeitamento ás contas e non alongar un mes a súa aprobación". Así, votaron en contra os 8 concelleiros do PP e o do BNG, fronte aos 8 que ten o Goberno bipartito.
A recuperación do Museo da Prehistoria local e a peonalización da praza de Santa María foron os dous grandes escollos que mantiveron vivo o debate na xornada deste xoves por parte da oposición.
Doutra banda, o equipo de goberno chamou á "responsabilidade" para que "se poida avanzar na xestión diaria", lembrando que a non aprobación dos orzamentos pode supoñer a perda de subvencións e atrasos nos pagos a provedores e asociacións. Tamén acusaron os populares de distribuír un documento no que "se enganaba" os veciños con partidas falsas e datos que "non son verdade".
No pleno si saíu adiante, sen debate, a adxudicación a Iberdrola do contrato de subministración de enerxía eléctrica para as dependencias e instalacións municipais, unha proposta na que votaron a favor os tres partidos de esquerdas, mentres que o PP se abstivo.