O condutor de Carmen Pano asegura que a empresaria levou diñeiro á sede do PSOE: "había tacos de billetes"
O condutor de Carmen Pano asegura que a empresaria levou diñeiro á sede do PSOE: "había tacos de billetes"
Álvaro Gallego di descoñecer a cantidade, pero explica que na bolsa de plástico había cartos
Foi a primeira testemuña en declarar este xoves no xuízo contra o exministro José Luis Ábalos que se celebra no Supremo
Alejandro Martínez Vélez/Europa Press
Un "amigo" da empresaria Carmen Pano mantivo este xoves no Tribunal Supremo que levou esta muller en coche a finais de 2020 a entregar diñeiro, primeiro á oficina do comisionista Víctor de Aldama, e despois á sede do PSOE, na rúa Ferraz, en Madrid.
Esta testemuña foi a primeira en declarar no xuízo contra o exministro José Luis Ábalos, o seu asesor, Koldo García, e o empresario Víctor de Aldama por presuntas mordidas e amaños en contratos de máscaras.
Tras declararse "amigo" de Carmen Pano, a testemuña mantivo a versión que deu noutras ocasións -que vai en sintonía coa da empresaria- e explicou que a levou no seu coche ás inmediacións da sede do PSOE "para transportar unha bolsa con billetes".
Aínda que non sabe canto diñeiro levaba, si que soubo que "había tacos de billetes" porque o viu "de esguello"; ela non lle dixo se levaba "diñeiro ou caramelos".
A bolsa contiña 45.000 euros, segundo Carmen Pano
Era unha bolsa de plástico transparente aberta e metida noutra de cartón "cor terra" e con dúas asas que, segundo a versión de Carmen Pano -que declarará nas próximas horas- gardaba 45.000 euros en efectivo. A empresaria sostén que fixo outra entrega da mesma cantidade outro día.
Carmen Pano afirma que ese diñeiro viña de Víctor de Aldama, extremo que este nega e este xoves o seu avogado, José Antonio Choclán, esforzouse coas súas preguntas á testemuña en combater esa idea.
No interrogatorio deste letrado, a testemuña explicou que primeiro levou a Carmen Pano á oficina de Aldama, na rúa Alfonso XIII de Madrid, coa mesma bolsa, tamén a levar diñeiro, e despois conduciuna á sede do PSOE, pero non puido asegurar que fose o mesmo diñeiro que o que levou a Ferraz.
"Non podo asegurar que fose a mesma bolsa", dixo, e máis tarde, ao ser preguntado se ten constancia de que o diñeiro que levou a Ferraz procedía do que recolleu da oficina de Aldama, respondeu: "Eu creo que si, baixou con parte da bolsa".
Segundo a testemuña, o diñeiro que levou á oficina de Aldama procedía do seu socio, Claudio Rivas, "para os pagos da licenza de Villafuel", empresa sobre a que pivota unha trama de fraude millonaria no sector de hidrocarburos na que Aldama, Carmen Pano e Claudio Rivas están investigados na Audiencia Nacional.
O tribunal quixo indagar máis sobre como sabía que o diñeiro que levou a finais de 2020 á oficina de Aldama viña de Rivas, e a testemuña contestou que "o trouxo un emisario seu esa mañá á casa de Carmen Pano".