Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lugo aproba sen sorpresas o seu orzamento co voto a favor de María Reigosa

Lugo aproba sen sorpresas o seu orzamento co voto a favor de María Reigosa

A votación foi moi axustada, dado que os doce edís do Partido Popular votaron en contra do orzamento e o alcalde tivo que facer valer o seu voto de calidade ante a ausencia de Olga López Racamonde por motivos de saúde para sacar adiante as contas co apoio de Reigosa

G24.gal 26/03/2026 12:10

O pleno do Concello de Lugo deulle luz verde de forma definitiva ao orzamento municipal para o ano en curso, o máis alto da historia, sen sorpresas de última hora, dado que a concelleira non adscrita, María Reigosa, que esta mesma semana deixou o grupo municipal socialista, votou a favor desas contas, que ascenden a 132 millóns de euros, tal e como se comprometera publicamente.

En todo caso, a votación foi moi axustada, dado que os doce edís do Partido Popular votaron en contra do orzamento e o alcalde tivo que facer valer o seu voto de calidade ante a ausencia de Olga López Racamonde por motivos de saúde para sacar adiante as contas co apoio de Reigosa.

O alcalde Miguel Fernández recoñeceu aos medios de comunicación que é “bo día para Lugo”, porque “os orzamentos son ambiciosos, son realistas e marcan as liñas de futuro desta cidade, dado que inclúen proxectos e infraestruturas moi necesarias”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, recoñeceu que “este será o último orzamento efectivo deste mandato”, de aí a importancia de sacalo adiante. “Temos que ser conscientes de que no ano 2027 apenas vai dar tempo a executar nada, salvo unha porcentaxe moi pequena” dos mesmos, “por cuestión de prazos”. Por iso, reiterou que son “uns orzamentos moi importantes, porque van permitir resolver moitos problemas dos lucenses”.

Pola súa banda, a portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Elena Candia, lamentou que a aprobación do orzamento vaia servir para que o goberno local comece a desenvolver o novo Plan de Mobilidade. Ao seu xuízo, é “prexudicial para a cidade, fíxose sen consenso, sen participación e sen ningunha transparencia”.

Dixo que os veciños “teñen que saber que hoxe o goberno local vai ter o orzamento para intervir na Avenida da Coruña, con esa unidireccionalidad en parte da mesma; para implantar o carril bici nesa avenida, para a construción doutro carril bici en Tino Grandío e para a actuación en Camiño Real”, entre outras actuacións que cuestiona o grupo popular. De feito, Elena Candia asegurou que o Partido Popular seguirá “traballando” para “intentar frealo”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade