Publicador de contidos

Publicador de contidos

Goretti Sanmartín supera a cuestión de confianza e salva os orzamentos de Santiago

Goretti Sanmartín supera a cuestión de confianza e salva os orzamentos de Santiago

Os votos favorables dos concelleiros de Goberno e dos catro non adscritos permiten aprobar as contas municipais para 2026

G24.gal 26/03/2026 09:56 Última actualización 26/03/2026 10:40

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, superou este xoves a cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos para o exercicio de 2026 e así, grazas ao apoio dos catro concelleiros non adscritos, salvou unhas contas que superan os 148 millóns de euros.

A cuestión de confianza foi apoiada polos oito concelleiros de goberno -seis do BNG e dous de Compostela Aberta- e polos catro edís non adscritos, mentres que contou coa abstención dos dous concelleiros do PSOE e o voto en contra dos once edís do PP.

Segundo explicou o secretario municipal, ao “haber máis votos a favor que en contra, enténdese outorgada a confianza e aprobados inicialmente os orzamentos”.

A rexedora compostelá agradeceu o apoio ao entender que a non aprobación da cuestión de confianza só conlevaría a un atraso de 30 días na entrada en vigor das contas dada a imposibilidade de presentar unha candidatura alternativa ao actual Goberno, xa que a maioría progresista da corporación xa explicitou que non apoiaría un alcalde popular.

Por tanto, segundo Sanmartín, é de agradecer a “responsabilidade” dos edís non adscritos dado que un resultado negativo para a cuestión de confianza só supoñería “facer perder o tempo” aos composteláns.

"A decisión menos mala"

O representante dos non adscritos, Gonzalo Muíños, defendeu o voto a favor neste pleno como un exercicio de compromiso e sensatez cos cidadáns xa que aínda que os orzamentos do goberno local, na súa opinión, non son os máis adecuados, si recollen aspectos positivos para a cidadanía polo que entenden conveniente “axilizar os tempos”.

"En política hai veces que hai que tomar a decisión menos mala, hoxe é un deses días”, esgrimiu un dos edís que foi expulsado do PSOE o pasado ano e que criticou a abstención das súas excompañeros ao entender que “dilatar os prazos é só enredar”.

Muíños considerou que é momento de “que o reloxo comece a correr para que os orzamentos entren en vigor porque o farán de todos os xeitos”, aínda que insistiu en que dado que o goberno desatendeu as propostas do seu grupo, agora é o executivo municipal o que “asume toda responsabilidade destas contas”.

Por parte do PSOE, a concelleira Marta Abal dixo que os socialistas decidiron non apoiar esta moción de confianza porque supoñería apoiar un “orzamento que non responde as problemáticas fundamentais que ten esta cidade”.

Segundo a socialista, o presentado polo equipo de Goretti Sanmartín é un orzamento "pouco ambicioso" porque as contas non son "nin o ambiciosas nin o útiles" que a cidade require xa que ademais supoñen un retroceso “en políticas clave para dinamizar a actividade económica”.

Abal xustificou a súa abstención na imposibilidade de apoiar a un goberno que está “a xestionar mal o presente e hipotecando o futuro” de Santiago.

 “Un Goberno que é unha decepción total” 

Con todo, o ton máis crítico durante o debate plenario foi o empregado polo líder da oposición, Borja Verea, do PP, que lamentou que o respaldo á cuestión de confianza supón persistir en “un goberno que é unha decepción total” e nunha alcaldesa “que é un absoluto desastre”.

Por iso, lamentou que a pesar de as críticas reiteradas contra o Goberno bipartito, os concelleiros non adscritos e do PSOE non retirasen a súa confianza a un equipo “que xa demostrou a súa incapacidade”.

Con este voto, para Verea, “xa non hai máis desculpas” e os edís que non quitaron o seu apoio á alcaldesa pasaron “de cómplices a culpables” ao permitir “que continúe este circo”.

O líder do PP compostelán volveu a reivindicarse como alternativa á actual alcaldesa e pediu “unha oportunidade para cambiar o rumbo desta cidade”, aínda que, sinalou, de non darlla os compañeiros de corporación, farano os cidadáns nas urnas nas próximas eleccións.

Verea lamentou que se desaproveitase a oportunidade de contar con “30 días para que Santiago cambie de alcalde” e se abran “as portas e as fiestras a un novo goberno”.

Durante a súa intervención, pediu “formalmente” o apoio para cambiar o rumbo do concello de Santiago e lembrou que el “desde o minuto un” quere ser alcalde da cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade