Publicador de contidos

Publicador de contidos

Paquistán confirma mediación na guerra e que Irán "delibera" sobre a proposta dos EUA

Paquistán confirma mediación na guerra e que Irán "delibera" sobre a proposta dos EUA

Segundo The New York Times, o plan inclúe liñas xerais sobre o programa nuclear iraniano, o desenvolvemento dos seus mísiles balísticos e a seguridade dos roteiros enerxéticos, especialmente o estreito de Ormuz

Disparo dun mísil iraniano (Reuters) Disparo dun mísil iraniano (Reuters)
G24.gal 26/03/2026 13:20

O ministro de Exteriores de Paquistán, Ishaq Dar, confirmou este xoves que o seu país actúa como canle oficial das conversacións indirectas entre os Estados Unidos e Irán, e que Washington puxo sobre a mesa unha proposta de 15 puntos para poñer fin ao conflito que "está a ser deliberada" por Teherán.

Segundo Dar, as mensaxes entre ambas as dúas potencias están a transmitirse a través da diplomacia paquistaní e países "irmáns" como Turquía e Exipto, entre outros, tamén están a apoiar a iniciativa, di nunha mensaxe na súa conta de X.

"Paquistán continúa plenamente comprometido con promover a paz e continúa facendo esforzos para asegurar a estabilidade na rexión", engade.

A confirmación de Islamabad sucede a unha publicación de The New York Times que sinala que os Estados Unidos trasladarían a Irán este martes unha proposta de 15 puntos para intentar poñer fin á guerra, citando a funcionarios coñecedores das xestións diplomáticos.

De acordo co diario, o plan inclúe liñas xerais sobre o programa nuclear iraniano, o desenvolvemento dos seus mísiles balísticos e a seguridade dos roteiros enerxéticos, especialmente o estreito de Ormuz.

Pola súa banda, a CNN informou o mércores de que a Casa Branca traballa para organizar unha reunión a próxima fin de semana en Paquistán entre o vicepresidente estadounidense, JD Vance, e representantes da República Islámica, o que non foi confirmado por Islamabad.

O primeiro ministro de Paquistán, Shehbaz Sharif, e o príncipe herdeiro de Arabia Saudita, Mohamed bin Salman, acordaron este mércores manter unha "estreita coordinación" para frear a escalada bélica en Oriente Medio.

Paquistán ten un Acordo Estratéxico de Defensa Mutua (SMDA) con Arabia Saudita, que está a ser obxecto de ataques de Irán desde o inicio da ofensiva dos EUA e Israel contra o país persa.

Trump anunciou o luns o aprazamento por cinco días dos ataques previstos contra centrais eléctricas iranianas, condicionando a medida a que Teherán desbloquee Ormuz.

Mentres o líder republicano cualificou as conversacións de "produtivas", o Goberno iraniano negou a existencia de contactos directos, atribuíndo a Washington a iniciativa de buscar o achegamento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade