O PP pídelle ao Goberno baixadas de impostos para aliviar a economía das familias
Tirapuxa no Senado pola rebaixa do IVE dos combustibles
O Partido Popular insta o Goberno a facer unha baixada selectiva de impostos para aliviar a economía das familias. Especialmente do IVE dos combustibles, xa que consideran que a bonificación de 20 céntimos resultou un fracaso. Foi na sesión de control no Senado, e con fortes reproches por ambas partes.
Patricia Rodríguez Calleja, senadora do PP, dixo: "A súa materia pendente é o IVE. Lémbrolle que aseguraba que non se podía baixar o IVE das máscaras, que non quere baixar o IVE dos salóns de peiteado e tampouco o do combustible. É a súa materia pendente, e a cidadanía nunca lla vai aprobar".
Así lle replicaba María Jesús Montero, ministra de Facenda: "Díganme vostedes en que páxina do seu plan económico propoñen baixar o IVE dos combustibles. En ningunha, porque saben que non se pode facer"
María Pilar Alía Aguado, senadora do PP, reprocha: "Néganse a facer unha baixada selectiva de impostos como propón o noso presidente Feijóo, róubannos a nosa renda dispoñible, fan caixa á custa da súa incontrolada política de gasto... e para iso tantos asesores?"
"Se tan preocupados están polos cidadáns, por que non votaron a favor da redución de impostos na factura da luz?, e por que non apoiaron a bonificación de 20 céntimos no combustible?", contestou a ministra de Facenda