María Guardiola gaña en Estremadura, onde cae o PSOE e sobe Vox
Os populares conseguen un escano máis ca en 2023 e quedan ás portas da maioría absoluta
Os socialistas de Miguel Ángel Gallardo perden 10 escanos e acadan o peor resultado da súa historia
Vox obtén once deputados, seis máis ca nos últimos comicios
O Partido Popular gaña as eleccións en Estremadura con 29 escanos, un máis ca nos comicios de 2023.
O PSOE confirma as malas expectativas e obtén 18 escanos, dez menos que hai dous anos. Estes datos supoñen o seu peor resultado na historia da comunidade. VOX logra 11 (seis máis) e Unidas por Extremadura pasa de 4 a 7 deputados.
Con estes resultados, o Partido Popular avantaxa o PSOE en 11 escanos pero vai necesitar de Vox para gobernar.
Guardiola cualifica a súa vitoria como "incontestable" e apela a Vox a que non bloquee
A candidata do PP á Presidencia de Estremadura, María Guardiola, asegurou que a súa vitoria foi "incontestable" e apelou a Vox a que reflexione e non bloquee de novo Estremadura porque os estremeños "decidiron -dixo- que sigamos liderando a rexión".
Así o afirmou na súa primeira intervención tras coñecerse os resultados dos comicios autonómicos, os primeiros celebrados de maneira anticipada nesta rexión.
Gallardo recoñece o mal resultado do PSOE e non aclara se dimitirá
O secretario xeral do PSOE estremeño, Miguel Ángel Gallardo, recoñeceu "os moi malos resultados" logrados nas eleccións pero non aclarou se vai dimitir e responsabilizou a presidenta autonómica, María Guardiola, da falta de estabilidade que deron as urnas.
Na súa comparecencia, Gallardo remitiuse á reunión da executiva rexional que mañá analizará os resultados antes de despexar dúbidas sobre o seu futuro político.
Ademais, ao ser preguntado se a súa condición de procesado no caso da contratación de David Sánchez, irmán do presidente do Goberno, cando el era presidente da Deputación de Badaxoz, puido influír nos resultados, dixo que non se deben "a unha soa cuestión".
Vox avisa a Guardiola de que as súas esixencias son as mesmas que antes dos comicios
O presidente de Vox, Santiago Abascal, arremeteu contra o bipartidismo do PP e o PSOE, aos que acusou de dedicarse á "guerra sucia" contra Vox durante a campaña electoral no canto de abordar os problemas "reais" dos estremeños.
Pola súa banda, o candidato de Vox, Óscar Fernández Cale, asegurou que o seu partido foi o gañador "real" das eleccións en Estremadura, onde duplicou o seu respaldo e dixo que as súas esixencias seguen sendo as mesmas.
"O mesmo que defendiamos onte", dixo Fernández Cale nunha comparecencia sen admitir preguntas no Parador de Mérida, onde engadiu que defenderá cada un dos votos obtidos "con uñas e dentes" nunha posible negociación co PP. "Estremadura falou para dicir alto e claro que quere máis Vox", sentenciou o candidato.
Unidas por Estremadura sitúase na oposición e pide a Guardiola que dimita
A candidata de Unidas por Estremadura, Irene de Miguel, afirmou que a confluencia será "a maior oposición" que a dereita atopará na rexión e instou á presidenta rexional, María Guardiola, a dar un paso á beira se ten "un mínimo de decencia".
Manifestou a quen depositou a confianza na coalición -integrada por Podemos, EU e Alianza Verde- que nos lles defraudará e que seguirán traballando "con máis forza", e achacou os resultados para Unidas por Estremadura non a unha cuestión conxuntural, senón a "moitos anos de esforzo". "
Feijóo felicita a Guardiola pola súa vitoria "incontestable"
O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, felicitou á presidenta estremeña, María Guardiola, por lograr "unha vitoria incontestable" nas eleccións autonómicas. Nunha mensaxe en X, Feijóo dixo que Estremadura falou para dicir que "non quere máis sanchismo" e que o cambio en España está máis preto.
A través dun comunicado, fontes de Xénova explicaron que Feijóo mantivo unha conversación por videoconferencia con Guardiola para felicitala polo seu triunfo, por "unha suba de máis de 4,4 puntos e por sacarlle case 18 puntos ao PSOE".
Felicidades a @MGuardiolaM por una victoria incontestable.
— Alberto Núñez Feijóo (@NunezFeijoo) December 21, 2025
Extremadura ha hablado y ha dicho que no quiere más sanchismo.
Se cae el relato y el muro de @sanchezcastejon y el cambio en España está más cerca.
Sánchez felicita a Guardiola pola súa vitoria e a Gallardo polo seu "gran traballo"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, felicitou a xefa do Executivo estremeño, María Guardiola, pola súa vitoria nas eleccións autonómicas, e tamén o líder do seu partido na rexión, Miguel Ángel Gallardo, a quen agradece o seu "gran traballo".
Sánchez fixo estes comentarios nunha mensaxe en X na que agradeceu o seu apoio aos votantes socialistas e fai unha promesa: "O noso partido será sempre garante dos servizos públicos, a igualdade e o progreso".
Enhorabuena a @MGuardiolaM por su resultado en las elecciones de Extremadura.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) December 21, 2025
Felicidades a @magallardomir por el gran trabajo realizado y gracias a quienes han confiado en el @psoeex.
Nuestro partido será siempre garante de los servicios públicos, la igualdad y el progreso.