O pontevedrés Jaime Duro pon a guinda cun prata no Mundial de piragüismo
Cuarto metal para a delegación galega grazas ao segundo posto na proba dos 5.000 metros en C1
Remataron os Mundiais de piragüismo que se disputan preto da cidade italiana de Milán. Os padexeiros galegos volveron a cumprir con creces. Pablo Graña e o C4 500 (Jácome, Fontán e Sieiro) levaron a prata. No k4 500 (Arévalo e Germade) festexaron o bronce. E no último día o pontevedrés Jaime Duro tamén foi o segundo do mundo na modalidade de C1 5000 metros.
Desde o inicio da proba marcou o ritmo o moldavo Serghei Tarnovschi. A carón del estaba o italiano Carlo Tacchini e Jaime Duro na terceira posición. Así foron nas dúas primeiras voltas, ata que Jaime Duro aproveitou o cansazo de Tacchini para situarse no segundo posto, moi pegado a Tarnovschi. Os dous entraron igualados na última volta, co polaco Glazunow remontando (estaba a 25 segundos), e xogáronse o título no treito final.
O triunfo foi para o moldavo cun tempo de 23:41:31. A dous segundos cruzou a liña de meta Jaime Duro, dez mellor que Glazunow, ao que non lle deu tempo a culminar a remonta.
