O Pontevedra vence ao Arenas en Pasarón (2-0) e asalta os postos de promoción
O partido encarreirouno axiña Cuesta, e decidiuno Compa na continuación
A vitoria puido ser máis cómoda, pero Brais Abelenda non puido aproveitar un penalti que el mismo provocara
O Pontevedra gañou con solvencia ante o Arenas de Getxo en Pasarón e pasa a ocupar posto de playoff con 24 puntos. Os granates foron superiores no inicio e lograron adiantarse no marcador no minuto oito, logo dunha xogada de Joao Resende que non desaproveitou Miguel Cuesta. Bó cabezazo o seu para inaugurar o marcador e poñer de cara o encontro para o seu equipo.
O Pontevedra administrou ben a súa vantaxe, que puido aumentar á media hora de xogo tras un penalti do gardameta visitante Gastesi a Brais Abelenda. Pero o lanzamento do propio Brais obtivo boa resposta por parte do porteiro dun Arenas que tardou moito en crear perigo. A súa primeira ocasión non chegou ata o tempo engadido antes do lecer. Edu Sousa desviou o remate de Zabaleta mantendo ao conxunto pontevedrés por díante.
No inicio da segunda metade os visitantes dominaron, pero sen gozar de oportunidades. E no minuto 57, nunha grande acción de Tiago, chegaría o dous a cero. Roubo e bó pase en profundidade para Álex Comparada, quen situou o que sería o dous a cero definitivo no marcador.
Os de Rubén Domínguez non pasaron demasiados apuros no que quedaba de partido, agás nunha xogada no minuto 85 na que Edu Sousa fixo un paradón espectacular tras un remate de Babá Diocou. Evitou así o porteiro granate o sufrimento no último treito dun choque que supón unha importante dose de confianza para un Pontevedra que vai a máis.