O Pontevedra suma a segunda vitoria consecutiva contra o Linares (3-1)
O Pontevedra suma a segunda vitoria consecutiva contra o Linares (3-1)
Cacharrón parou un penalti co 3-1 que evitou o sufrimento local
Dúas vitorias consecutivas en Pasarón revitalizan o novo Pontevedra de Juan Señor. O pechacancelas recibía ao sétimo clasificado, o Linares, e o xogo e o resultado final, tres a un a prol dos granates, desmentiron rotundamente as súas posicións na táboa. Especialmente nun primeiro tempo no que o equipo galego mostrou un convencemento total nas súas posibilidades.
Buscou en todo momento a portería visitante, e atopou premio no minuto 14, grazas a un disparo a reviravolta de Charles. O que sucedeu catro minutos despois fixo temer o peor aos seareiros pontevedreses. Porque o Linares empatou nunha boa acción combinativa culminada por Abeledo.
Pero nada variou o rumbo firme dun Pontevedra moi ofensivo e que tirou de recursos tácticos. O dous a un, no minuto 22, chegou tras unha acción de laboratorio. Miguel Román foi o autor dun gol que valida o traballo semanal no que as xogadas a balón parado se refire. Lonxe de conformarse, os de Juan Señor buscaron sentenciar canto antes. E no minuto 25 xa gañaban por tres a un logo dun magnífico tanto de Álex González. O nunca visto esta temporada en Pasarón.
Quedaba moito por diante, pero o Pontevedra mostrouse sólido en defensa. A tranquilidade local só perigou cando, mediado o segundo tempo, o árbitro indicaba penalti de David Soto a Hugo Díaz. Pero aí estaba Cacharrón para evitar o gol de Lolo González e o presumible sufrimento final. Seis puntos consecutivos para o Pontevedra, que abandona a última praza e que presenta a súa candidatura para lograr unha permanencia que parecía moi complicada.