O Pontevedra non pasa do empate co Unionistas e consúmase o seu descenso
O equipo de Señor adiantouse cun penalti transformado por Charles no día da súa homenaxe
Christian Santos empatou no treito final
As vitorias do Fuenlabrada e do Ceuta o domingo confirman o descenso matemático
Xa é oficial. O Pontevedra é matematicamente equipo da Segunda RFEF. O equipo de Señor precisaba que o axudasen os resultados pero, antes diso, precisaba a vitoria contra Unionistas. E esta fuxiu por culpa dun gol dos charros no treito final. Unido ás vitorias na zornada dominical do Ceuta e do Fuenlabrada, confírmase o descenso granate.
Foi un empate nun partido estreito, de tensión e nervios. No que un tiro de Fran Rodríguez e outro de Álex González foron o máis relevante do primeiro tempo.
O segundo foi igual. Con máis ansias granates e máis reservas visitantes. Nese contexto o Pontevedra tomou vantaxe nunha indecisión e un penalti. Rojo e o porteiro Salva non se puxeron de acordo e Brais estivo listo. Penalti. Penalti crucial, deses que fan tremer as pernas, pero que Charles... Non fallou. Co gol marchou de Pasarón. Lenda....
O Pontevedra quixo aguantar o resultado como quen garda un tesouro, mais a falta de 11 minutos un saque de banda e un erro groseiro tiraron coa vitoria. Gol de Christian Santos. E a permanencia é xa un imposible. A falta de dúas xornadas, ao Pontevedra tócalle despedirse da categoría á que ascendeu a temporada pasada.