O Ourense CF perde contra o Zamora (1-2) e segue a dous do descenso
O Zamora gañou cun penalti asubiado polo FVS e repetido tamén cunha revisión
A derrota adía o descenso matemático do Arenteiro
Foto: @Ourense_CF
O Ourense CF tiña unha boa oportunidade de marcar distancias cos equipos que transitan a zona de descenso. E comezou ben o partido do Couto, xa que o equipo galego se adiantaba no marcador aos dous minutos, cando marcaba Martín Ochoa aproveitando un erro defensivo do Zamora.
Pero non tivo tempo o conxunto das Burgas de saborear a vantaxe. No minuto sete, Losada marcaba cun disparo lonxano que sorprendía a Álvaro Ratón. O Zamora, que pelexa por entrar na promoción de ascenso, gozou doutro par de boas ocasións nas botas de Kike Márquez e Mario Losada, mentres por parte do Ourense CF era Jerín o que probaba fortuna xa na segunda metade.
E no minuto 70, chegou a polémica. Unha saída de Álvaro Ratón foi xulgada como penalti logo da revisión no FVS. O lanzamento de Kike Márquez detívollo Álvaro Ratón, pero houbo unha nova revisión que determinou que entrara na área unha manchea de xogadores locais. O novo lanzamento efectuouno Carlos Ramos que, desta volta, si establecía o 1-2.
Pero non rematou aquí a polémica. O árbitro sinalou penalti por mans de Mario García na área do Zamora. Pero, outra vez na revisión, acabou botándose atrás e privando ao Ourense CF do lanzamento.
A última levou a signatura de Amín, pero o marcador xa non se moveu. 1-2 a prol do Zamora, e o conxunto local segue a dous puntos do descenso. Este resultado permítelle tamén ao Arenteiro adiar unha xornada máis o seu descenso á segunda Federación.