O Pontevedra cae en Zamora (2-1) e sae da zona de promoción
Os dous primeiros tiros entre paus do Zamora acabaron en gol
Luisao reduciu diferenzas no treito final, pero o Pontevedra non foi quen de empatar
Sétima xornada sen gañar dos granates
Foto: @PontevedraCFSAD
O Pontevedra perdeu en Zamora diante dun rival directo, nun partido en que os de Rubén Domínguez mereceron moito máis, pero pagaron a súa falta de pegada.
Porque na primeira metade os granates dominaron, controlaron a posesión e xogaron moitos minutos en campo rival, pero non foron quen de crear perigo máis aló dalgún disparo lonxano.
O Zamora agardou a súa ocasión, e a primeira que tivo, meteuna. Foi no minuto 43, despois dun erro dos galegos á saída dun córner. Saíu coma un lóstrego á contra Kike Márquez, e definiu cunha gran xogada persoal Abde Damar.
Marchou o encontro ao lecer con vantaxe local, que se ampliou á volta de pausa. Un erro na saída de Brais Abelenda foi aproveitado por Carlos Ramos, que roubou e marcou o 2-0. Era o minuto 50.
O Pontevedra intentou meterse no partido, pero non foi quen ata o treito final. Un pase espectacular entre liñas de Brais Abelenda foi aproveitado por Luisao, que marcaba o 2 a 1 aínda con tempo por diante. Pero no engadido pouco se xogou. So houbo tempo para que unha acción dentro da área local, que rematou cunha accidental patada de Alain Ribeiro sobre COdina no intento de remate, fora convertida tras revisión en cartón vermello para o granate.
Derrota no Ruta da Prata dun Pontevedra que acumula sete xornadas sen gañar e sae dos postos de promoción de ascenso