Publicador de contidos
Publicador de contidos

O pleno do Concello de Vigo apoia de xeito unánime baixar ao Villa de Pitanxo

O pleno do Concello de Vigo apoia de xeito unánime baixar ao Villa de Pitanxo

Todos os grupos sumáronse a unha declaración de apoio ás familias e votaron a favor da moción impulsada polo BNG para inspeccionar o barco afundido

Familiares do Villa de Pitanxo agradecen o apoio do rei, pero "quen decide é o presidente"

G24.gal 25/05/2022 10:22 Última actualización 25/05/2022 11:15

O Concello de Vigo celebrou este mércores un pleno especial no que apoiou de forma unánime no pleno a demanda das familias das vítimas do Villa de Pitanxo de baixar ao buque.

O pleno comezaba ás 9 da mañá, e como se prevía todos os grupos políticos sumáronse a unha declaración institucional conxunta de apoio aos familiares das vítimas.

Algúns deses familiares estiveron presentes nesta sesión plenaria á que o BNG levaba a moción para pedir que se baixe ao Villa de Pitanxo, afundido en augas do Canadá, para buscar os corpos do resto dos mariñeiros e para investigar as causas do naufraxio.

Despois de que o Goberno central confirmara que non era posible rescatar os cadáveres, tiveron lugar varios pronunciamentos en plenos municipais de distintos concellos, a favor da petición das familias. Onte houbo declaración institucional en Cambados e hoxe foi Vigo o que deixou patente o seu apoio.

O BNG presentou a moción porque vía inxustificable que o Concello vigués fose o único con vítimas que aínda non apoiara o rescate dos corpos. 

"Esta non é unha moción do BNG", dixo o seu portavoz, Xabier Igrexas, senón dos familiares das vítimas, que "piden coñecer toda a verdade para que se poida facer xustiza", engadiu.

Igrexas leu un texto das familias en recordo aos 21 mariñeiros falecidos ou desaparecidos, cinco deles de Vigo, e apuntou que a Audiencia Nacional determinou o 4 de abril que hai "indicios claros de 21 homicidios imprudentes e delitos graves contra a saúde dos traballadores".

As familias, continuou Igrexas, "piden que se esclareza o sinistro" e para iso "é necesario baixar ao pecio afundido", unha operación que cualificou de "viable, que non incorre en riscos e que non ten impedimentos legais".

A concelleira Oriana Méndez, da formación Marea, considerou "de lóxica que hai que descender ao buque para obter información que esclareza a verdade" co fin de terminar cun "escenario de contradicións", dixo acerca das diferentes versións sobre o naufraxio que levarán aos únicos tres sobreviventes a declarar o próximo 31 de maio ante a Audiencia Nacional.

Méndez criticou que a armadora estea a xogar á confusión ao presentarse como prexudicada e preguntou aos seus responsables "que intereses están a primar" e se están a favor de inspeccionar o pecio para aclarar a verdade.

A concelleira do PP Teresa Egerique apoiou a moción e pediu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que "interceda" ante o Goberno central para "materializar esta acción" de inspeccionar o pecio, que considerou "fundamental".

Tras un repaso cronolóxico do naufraxio e lembrar o apoio expresado pola Xunta aos familiares das vítimas, Egerique indicou o apoio do PP á moción do BNG.

Pola súa banda, o portavoz dos socialistas, Carlos Font, expresou o "compromiso e determinación" do Goberno local e do alcalde "desde o primeiro momento" aos familiares de vítimas dese naufraxio, un dos máis graves no sector da pesca.

Font asegurou que desde o principio, o alcalde apoiou a proposta de inspeccionar o pecio e buscar os cadáveres dos falecidos, e salientou que o Goberno de Vigo apoia na medida das súas posibilidades ás familias do buque afundido.

Antes da votación final interveu Caballero para volver reiterar aos familiares das vítimas o seu "apoio persoal" e compromiso para interceder ante o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade