A Xunta asume en solitario e por vía de urxencia as obras para a presa de Eiras en Vigo
Vázquez avanzou que a Administración autonómica ten que afrontar un "problemón" porque non se pode permitir que máis de 400.000 persoas entre Vigo e a área metropolitana "poidan correr o risco de quedaren sen auga"
A obra incluirá unhas válvulas provisionais e en paralelo encargaranse as definitivas, unha actuación "fundamental", en palabras de Vázquez, porque, pola contra podería levar ao Nadal "sen auga"
A Xunta asumiu en solitario e por vía de urxencia as obras para a presa de Eiras, que comezarán cun bypass para poder proceder á substitución das válvulas danadas desa infraestrutura co obxectivo de que ningún dos concellos da área de Vigo quede sen auga. Así o avanzou este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, que entregou en Vigo os diplomas aos novos guías acreditados no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Vázquez avanzou que a administración autonómica ten que afrontar un "problemón" porque non se pode permitir que máis de 400.000 persoas entre Vigo e a área metropolitana "poidan correr o risco de quedar sen auga". Por iso, "despois de tentar dialogar" co Concello e a concesionaria Aqualia e comprobar que "non tiñan ningún tipo de solución", segundo a conselleira, optouse pola solución proposta por Augas de Galicia.
Este xoves, Augas de Galicia "fixo o encargo por vía de urxencia" a unha enxeñería e a unha empresa especializada para que acometan a obra e Vázquez avanzou que "as válvulas non se cambian en 2 horas, nin en 12 horas, nin en 48 horas". "Non vai ser un traballo que se desenvolva nunha, dous, tres, nin catro semanas, vai ser un traballo máis longo, pero o encargo vai ser para xa", precisou. A obra incluirá unhas válvulas provisionais e en paralelo encargaranse as definitivas, unha actuación "fundamental", en palabras de Vázquez, porque, pola contra podería levar a Nadal "sen auga".
Na súa intervención ante os xornalistas mostrouse "totalmente convencida" de que, cando o alcalde, o socialista Abel Caballero, dicía no verán que igual quedaban sen auga "sabía perfectamente as fugas" que había na presa. O primeiro será esa actuación en Eiras e "despois" xa se dirimirá "quen é o responsable", engadiu a titular de Medio Ambiente, quen deixou ver que supón que Caballero "pedirá responsabilidades a quen llas ten que pedir, que en todo caso será a concesionaria", por uns traballos que se calculan en 2 millóns de euros.
"Nós damos o paso e, por suposto, asumimos a obra porque encargamos a obra, financiámola, pero iso non quere dicir que non se pida a responsabilidade pertinente", insistiu. Vázquez subliñou que haberá que determinar "se isto púidose evitar" porque é o que lle din os enxeñeiros, e sinalou a Aqualia, xa que a concesionaria "en ningún momento informou a Augas de Galicia da problemática".
A conselleira recriminou a Vigo que non estea "a notificar nin publicando" as perdas de auga nas súas canalizacións, algo "obrigatorio por lei". Lembrou que a Unión Europea di que as perdas nunca poden ser superiores ao 20 % e a Xunta detectou "zonas onde as perdas son superiores ao 50 %". Ao mesmo tempo, a titular de Medio Ambiente expresou a necesidade de "dar un paso en firme e crear unha mancomunidade" e asegurou que "agora mesmo en ningún caso está na planificación" da administración autonómica construír un novo encoro, como reclama Caballero.
Caballero pide a "dimisión" da conselleira
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu a "dimisión" da conselleira, á que atribuíu "mentiras e enganos" nas súas declaracións. Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor vigués sostivo que "fai oito meses" que a Xunta sabe do problema cunha válvula, polo que se preguntou "a que esperou" para facer un arranxo que tiña que efectuar "ao día seguinte".
"Sabe que foron ineptos e neglixentes", indicou o alcalde, quen asegurou que cando a presa a xestionaban Aqualia e Vigo non había ningún problema. "Os problemas sempre aparecen cando está a Xunta, e esta vez de forma tan visible que teñen que cesar á conselleira", sentenciou.