O equipo do Deportivo dixire a labazada de Elda: "Hai que asegurar a permanencia"
O chairego Villares recoñece que o deste domingo foi o peor partido da temporada do conxunto coruñés
O Deportivo non foi quen de manter a súa liña ascendente e perdeu a domicilio ante un Eldense que malia a vitoria continúa en postos de descenso. Foi un mal partido en todas as liñas para os de Óscar Gilsanz.
Os goles chegaron na segunda parte. Os locais adiantáronse tras un penalti cometido por Pablo Vázquez que transformou Masca. Era o minuto 58 e en sete minutos o Eldense anotaría o segundo. Javi Llabrés con este tiro desde dentro da área ao que non chegou Helton Leite.
Tras esta derrota os de Gilsanz quedan a sete puntos do descenso. O capitán Diego Villares ten claro cara a onde debe mirar o Deportivo: "Sempre hai que fixarse no que temos máis preto e o descenso está a só sete puntos". O chairego recoñeceu que o partido contra o Eldense foi o peor da temporada.