O pico da gripe chegará a Galicia a finais de novembro ou primeiros de decembro
"Estamos ultimando os plans de continxencia para poder abordar o pico, sobre todo nas urxencias de infeccións respiratorias", explica o conselleiro de Sanidade
Galicia agarda que o pico da gripe se adiante este ano e chegue a finais deste mes de novembro. Confirmouno esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que tamén explicou que se están a ultimar os plans de continxencia en todas as áreas afectadas.
"Pensamos que o pico se pode producir a finais de novembro ou principios de decembro. Estamos adiantándanos, xa estamos ultimando os plans de continxencia para poder abordar o pico sobre todo nas urxencias de infeccións respiratorias", explica Comesaña.
"Os datos van confirmando esa sospeita", debullou e situou o prognóstico do pico "entre finais de novembro e principios de decembro", aínda que recoñece que "adiantar" o comportamento da gripe "é algo aventurado".
En todo caso, asegurou que esta formulación é o que levou a ofrecer a vacina desde o 26 de setembro á poboación diana, que son na campaña da gripe os maiores e os nenos de ata 5 anos, ademais doutros grupos vulnerables.
Neste momento a vacinación da gripe, que se ofrece xunto á do covid-19, chega a maiores de 60 anos, cunha cobertura que García Comesaña cifrou no 90 por cento.
Aínda que non hai un incremento de ingresos hospitalarios por gripe, si o hai no caso dos nenos con outro virus respiratorio, o VRS (virus sincitial respiratorio humano), unha cuestión "lóxica" segundo a evolución desta enfermidade antes da pandemia.