O perigo de que ardan os contedores de lixo
Onte arderon varios no centro da Coruña, é un suceso frecuente
Adoitan asociarse a vandalismo, pero tamén se orixinan por imprudencias
É unha imaxe que se repite con demasiada frecuencia. Colectores de lixo que arden en plena rúa poñendo en perigo todo o que os rodea.
"Normalmente danse en espazos urbanos, con vehículos e casas preto. O lume pode pasar rapidamente do contedor a un coche, e logo a outro e despois ás fachadas dos edificios. E tamén está o perigo que non se ve, o dos gases que emanan, que son tóxicos e poden entrar por fiestras abertas", explica Francisco Javier Guillén Busto, xefe do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía.
Os bombeiros de Vilagarcía coñecen ben o complicado que pode ser a extinción dos colectores, o pasado ano tiveron un pirómano que provocou ducias. O peor, din, e que nunca sabes o que pode haber entre o lixo.
"Podes atopar sprays, aerosois, envases de pinturas con disolventes ou de combustibles altamente inflamables..., iso complica a extinción e pode poñernos en risco a nós, aos que intervimos".
Malia que a queima de contedores adoita asociarse a conflitos ou actos vandálicos, tamén os hai que arden por descoido.
"Cabichas mal apagadas, ou brasas que bota a xente no lixo pensando que están xa frías, pero poden gardar calor. Ao metelas nun espazo pechado e con un montón de materiais combustibles, o lume prende".
A prevención e o civismo son chaves para evitar uns incendios que saen caros. Polo risco que supoñen e tamén porque a reposición de mobiliario urbano a pagamos todos.