O patrón do Villa de Pintanxo nega que os tripulantes lle pediran que soltase a rede
Saen á luz as declaracións do patrón do Villa de Pitanxo na Audiencia Nacional
Insiste en que o barco sufriu unha parada repentina do motor que provocou o afundimento
As declaracións do patrón seguen sen convencer as familias das vítimas
O testemuño na Audiencia Nacional do patrón do Villa de Pintanxo, Juan Padín, ten pouco que ver co que declarou outro dos tres únicos sobreviventes da traxedia, Samuel Kwesi.
O patrón compareceu a principios de xuño, pero o seu relato saíu agora á luz. Durante dúas horas, mantivo a súa versión: que o motor do barco sufriu unha parada repentina cando recollían o aparello, o que provocou o afundimento ao quedar o pesqueiro á valga.
Acusa a Kwesi de mentir ao dicir que a causa do accidente foi un embarre do aparelllo ao fondo do mar. Padín admite que se engancharon as redes, pero afirma que foi hora e media antes do naufraxio, cando el e os mariñeiros durmían.
Segundo o seu testemuño, a persoa que estaba encargada do barco avisouno e foi liberar as redes, un proceso que acabaría uns 15 ou 20 minutos antes de que afundise o barco. Nega que os tripulantes lle pediran que soltara o aparello, tal que como relatou Samuel Kwesi.
As declaracións seguen sen convencer as familias das vítimas do naufraxio do pasado 15 de febreiro en Terra Nova.
"Ata o momento as súas declaracións están en entredito porque, non só o testemuño de Samuel, senón as probas non coinciden co seu relato e como supostamente pode estar mentindo por iso se que fan as medidas cautelares", asegura Kevin González, fillo dunha das vítimas do Villa de Pitanxo.
O patrón tamen di que fixeron un simulacro de emerxencias antes de saír ao mar, mentres Kwesi asegura que non.
"Di que o 25 de xaneiro fixéronse os simulacros de emerxencia pero ese día marcharon un ou dous mariñeiros do barco. Os mariñeiros de reemprazo non terían eses protocolos para poder sobrevivir. Aínda así, nós cremos que non é certo e que poderemos achegar probas para demostralo", advirte Kevin González.
As familias agardan que, coas declaracións das persoas que lles prestaron axuda tras o afundimento e coas probas, se poida coñecer o que ocorreu realmente antes e durante o naufraxio.