Publicador de contidos

Publicador de contidos

O paro baixa en 42.409 persoas en xuño e os contratos fixos marcan un novo récord

O paro baixa en 42.409 persoas en xuño e os contratos fixos marcan un novo récord

Xuño pechou con 2.880.582 desempregados, a cifra máis baixa desde outubro de 2008

En Galicia baixou o paro en 5.188 persoas, é a terceira comunidade en que máis descende  

G24.gal 04/07/2022 08:46 Última actualización 04/07/2022 13:22

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego reduciuse en 42.409 desempregados en xuño e sitúa o total por debaixo dos 2,9 millóns por primeira vez desde o outono de 2008.

Xuño pechou con 2.880.582 desempregados, a cifra máis baixa desde outubro de 2008, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

O descenso do paro en xuño foi case catro veces inferior ao experimentado en igual mes de 2021, cando baixou en 166.911 desempregados, a maior caída en calquera mes de toda a serie histórica.

A Seguridade Social gañou 115.607 afiliados en xuño, cifra que representa o terceiro maior incremento para ese mes e coa que volve marcar un récord con 20,3 millóns de cotizantes, segundo os datos proporcionados polos ministerios de Inclusión e de Traballo.

Para o presidente do Goberno Pedro Sánchez os datos do paro do mes de xuño son "formidables",  e máis tendo en conta, dixo, o complicado contexto económico actual cunha crise ás portas de Europa marcada polo conflicto en Ucraína.

O Partido Popular desconfía dos datos. A secretaria xeral dos populares dixo nunha entrevista nunha emisora que as cifras confirman unha desaceleración do crecemento económico e falou de "realidade maquillada" polos contratos fixos discontinuos. Cuca Gamarra dixo que a temporalidade segue a ser alta.

Os empresarios ven tamén sinais nos datos do paro dunha certa desaceleración na economía. CEOE e Cepyme piden cautela. Para os sindicatos, a inflación mingua o poder adquisitivo dos que teñen traballo e hai que tomar novas medidas para evitalo. Os autónomos cren que será dificil manter os empregos nos próximos meses.

Galicia, terceira comunidade autónoma onde máis descende o paro

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego situouse nun total de 140.932 en Galicia en xuño, o cal supón un descenso de 5.188 persoas, terceira maior diminución en cifras globais entre comunidades autónomas.

O recorte do desemprego en Galicia foi maior que a media (-3,55 %). Na comparativa con xuño de 2021, hai 16.786 parados menos na comunidade galega (-10,64 %). Esta diminución é máis acusada o Estado (-20,30%), o cal se traduce nunha caída interanual de 733.757 persoas.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade María Jesús Lorenzana ve positivos os datos do paro coñecidos este luns, aínda que advertiu que "agora mesmo, non se pode equiparar a contratación indefinida con contratación de calidade", xa que, engadiu, "moitos destes contratos son fixos descontinuos froito da reforma laboral".

"Hai que ter en conta que hai unha subida moi elevada de contratación indefinida, pero continuamos dicindo que unha porcentaxe moi elevada, máis de 8.000 fronte aos 22.000 que crecen, son fixos discontinuos", detallou a conselleira.

Lorenzana destacou a baixada "en todas as provincias, en todos os sectores e nos principais colectivos máis vulnerables". Deste xeito, continuou, "Galicia continúa na senda que se iniciou após a pandemia dunha recuperación continuada e constante".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade