Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda reclama a Sánchez e á oposicion que pidan desculpas sobre a lei do litoral galega

Rueda reclama a Sánchez e á oposicion que pidan desculpas sobre a lei do litoral galega

Besteiro (PSdeG) acusou o PP de "impoñer a renuncia como política industrial" e esixiu a Rueda que achegue "claridade, información e transparencia" sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei

Rueda garante compromiso da Xunta en cofinanciar Altri ou outros proxectos que creen emprego

O BNG reclama ao Goberno que "levante o veto" para investigar os contratos da pandemia

Ánxeles Vázquez, tras o aval do TC á lei do litoral: "Ao final fíxose xustiza con Galicia"

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na sesión de control no Parlamento este mércores (EFE / Lavandeira jr)
G24.gal 24/04/2024 08:02 Última actualización 24/04/2024 14:04

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou ao titular do Goberno, Pedro Sánchez, e aos principais partidos da oposición en Galicia, BNG e PSdeG, que pidan desculpas sobre a lei do litoral galega despois de que o Tribunal Constitucional (TC) tombase este martes o recurso do executivo central contra esta normativa.

Na sesión de control ao Goberno autonómico no pleno do Parlamento, Rueda dirixiuse especificamente ao portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para que fale "unha última vez" en nome do Goberno -dado o seu pasado como delegado do Goberno- e de Sánchez e pida "desculpas pola sinalización, o trato discriminatorio e (por) negar o pan e o sal a Galicia".

Unha actitude pola que o Executivo central recibiu onte "un pau monumental" do TC, apostilou Rueda.

Besteiro lembrou que o PSdeG non votou en contra desa lei, dado que se abstivo no Parlamento, e asegurou que tampouco dixo nunca "se era constitucional ou non", polo que espera que a Xunta e o PP respecten sempre as decisións do Constitucional, porque o PSOE xa o fai, segundo o seu criterio.

Pola contra, "outros din que é un tribunal de parte cando lles convén ou mesmo que é un cancro do sistema democrático", apuntou o deputado socialista, que interrogou ao presidente galego pola política industrial da Xunta.

Para xefe do Executivo autonómico, Besteiro está confundido, porque "tanto baile de postos en tan pouco tempo pono nunha situación complicada", xa que cando era delegado do Goberno en Galicia, e se estaba tramitando a lei, "dixo que en ningún caso podía ir adiante porque ía en contra da Constitución e non lle conviña a Galicia".

Durante a tramitación desta lei, antes da súa aprobación no Parlamento en xullo de 2023, Xunta e Goberno central discreparon con intensidade sobre o seu contido previo ao recurso finalmente presentado perante o TC, ata o punto de que o entón secretario de Estado de Medio Ambiente Hugo Morán considerou nunha entrevista radiofónica que o anteproxecto aprobado pola Xunta contiña puntos que rozaban a inconstitucionalidade e que era "case unha declaración de independencia".

O presidente galego tamén aproveitou a pregunta da líder da oposición, Ana Pontón, sobre rexeneración democrática, para reprochar a postura do BNG respecto á lei do litoral, perante a que se abstivo, e reclamarlle que "pida desculpas" por "meter a pata".

"Rexeneración democrática tamén é que, cando se mete a pata como vostedes a meteron, se pidan desculpas, se sexa humilde e se emende", sostivo durante a súa resposta á portavoz do Bloque.

Neste sentido, criticou que Pontón falase sobre esta normativa coma se fose "experta xurídica e visionaria total do desenvolvemento competencial", ao dicir que a lei sería "papel mollado" porque Galicia non tiña competencias, así que a instou a "informarse" antes de falar.

Así, Rueda lembroulle a Pontón titulares de prensa con declaracións de membros do seu partido para instar os nacionalistas a "falar cun mínimo de rigor" desde a oposición.

O Tribunal Constitucional rexeitou por unanimidade o recurso do Goberno central contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (LOLGA) e desestimou 70 das 72 impugnacións incluídas neste recurso de inconstitucionalidade. 

Besteiro pregunta sobre o modelo industrial e Altri

A postura do TC ocupou grande parte das intervencións de Rueda na primeira sesión de control ao Goberno da Xunta nesta lexislatura, en que os grupos da oposición formularon cuestións ao presidente da Xunta relativas ao modelo industrial e á rexeneración democrática.

En concreto, José Manuel Gómez Besteiro (PSdeG) acusou o Goberno autonómico de impoñer "a renuncia como política industrial".

O voceiro socialista tamén lle lembrou ao presidente da Xunta a súa obriga de "dar claridade, informar, transparencia" sobre o proxeto da multinacional portuguesa Altri en Palas de Rei, "porque o silencio xera incerteza, medo e temor".

En concreto, cominouno a explicar as circunstancias de financiamento, empregabilidade, afectación do mapa forestal que rodearían a instalación da pasteira en Galicia.

 

A Xunta garante o seu compromiso en cofinanciar Altri ou outros proxectos que creen emprego

Besteiro instou a Rueda a aclarar se a Xunta estaría disposta a dar axudas públicas a esta planta de fabricación de fibras téxtiles a partir de celulosa, que recibiu críticas de numerosas asociacións e colectivos.

Considerou que se trata dun "proxecto público" xa que mesmo aspira a contar con fondos europeos, e advertiu de que os funcionarios de España e da Unión Europea van analizalo igual que espera que fagan os da Xunta porque "os fondos non son discrecionais" e a súa repartición tense que "axustar a un cumprimento normativo".

Rueda replicou se isto supón que o Goberno xa está "a preparar a negativa aos fondos europeos" e preguntou se se trata dunha "mensaxe para toda España" porque as comunidades autónomas deben saber os "miles de millóns de euros embolsados sen repartir a ninguén" dependen do que elas acheguen aos proxectos.

Asegurou que a Xunta non só vai estar "moi atenta por se lle piden cofinanciamento a todo o mundo", senón que, ademais, está "comprometida" cos proxectos que "cumpran medioambientalmente, cren futuro industrial e postos de traballo", afirmou.

O titular da Xunta contestoulle que agarda "corresponsabilidade" por parte do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no seu próximo encontro, "iso sería apoiar a política industrial e ser útil a Galicia".

"Espero que esta vez cando me diga que coñece os temas sexa verdade, eu direille que segundo vostede non coñecían nada e que estamos inventando todo", recriminoulle.

O BNG reclama ao Goberno que "levante o veto" para investigar os contratos da pandemia

A voceira nacionalista, Ana Pontón, quen formulaba unha pregunta sobre medidas para a rexeneración democrática, reclamoulle ao presidente da Xunta unha auditoría que permita "investigar os contratos da pandemia".

Citando o Consello de Contas, segundo Pontón, o informe constata "deficiencias en memorias xustificativas", así como falta de concorrencia competitiva, ou "concentración moi importante en poucas empresas": "En 2021, catro empresas concentran o 66 % das adxudicacións da Xunta" e "moitas delas están vinculadas con altos cargos do PP", detallou. 

En concreto, referiuse a unha empresa vinculada co cuñado de Feijóo e outra da que foi comisionista a parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

A réplica de Rueda foi reprochar a Pontón a súa alianza con EH Bildu para as eleccións europeas e asegurar que o PP "nunca compartirá listas con persoas que non condenan o terrorismo", como "primeira lección de rexeneración democrática" que Rueda retrousou a Pontón. 

Tamén lle dixo que o Consello de Contas non atopou irregularidades nos contratos da pandemia, ao contrario do que acontece co "Goberno que vostedes apoian a cambio de nada".

"Vostedes, coma sempre, alí mansos e aquí montando un escándalo cando non hai nada", afirmou.

Esa foi a segunda "lección" que Rueda lle devolveu a Pontón, a quen , en terceiro lugar, aconsellou "empezar a dicir a verdade" do seu programa electoral e a súa postura sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei.

A tirapuxa entre ambos os dous parlamentarios continuou a conta da investigación dos contratos autonómicos para a compra de material sanitario durante a pandemia. 

Pontón acusou a Rueda de "mentir" en sede parlamentaria sobre o que di o informe do órgano fiscalizador da comunidade autónoma e o seu alcance, xa que o Consello de Contas só fixo unha "auditoría parcial que deixou fóra o 70 % da contratación" da Xunta, afirmou.

A nacionalista instou o presidente da Xunta a autorizar a revisión como unha medida de rexeneración democrática: "Se todo está tan ben, por que non quere que se faga unha auditoría?". 

Finalmente, Rueda retou a Pontón a crear unha comisión de investigación, xa que o BNG só pode solicitar unha por lexislatura: "Ten ao seu dispor un instrumento, vostede sábeo [...], pero sabe que esa é unha bala que ten que gastar en algo que pague a pena".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade