O PPdeG quere "consolidar" maiorías para que alcaldías non sexan "pactos entre perdedores"
Así o manifestou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, tras a reunión do Comité de Cidades do partido
O PPdeG quere "consolidar" as súas maiorías en forma de "gobernos fortes e estables" nas eleccións municipais de 2027 para que as alcaldías non dependan de "pactos entre perdedores".
Así o manifestou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tras a reunión do Comité de Cidades do partido, e defendeu que é a "única forma de que os pactos de perdedores do PSOE e do BNG non sigan traendo espectáculos e inestabilidade" aos municipios galegos.
Prado considerou que, no caso dos socialistas, "xa non saben que dicir para tapar" o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "e a súa corrupción", mentres que os nacionalistas "están a darse conta agora de que coas súas minorías absolutas non van a ningunha parte".
"Cunha representación de 6 de 25 ou de 5 de 21 concelleiros cren que teñen a autoridade moral de falar en nome dunha maioría que as urnas non lle deron", insistiu a número dous do PPdeG.
O Comité de Cidades do partido é un órgano coordinado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o único popular que lidera o goberno dunha das sete cidades galegas.
Rey Varela animou os seus compañeiros para "intensificar" o seu traballo e facer un "esforzo adicional" co obxectivo de conseguir grandes maiorías "para superar a parálise e o enfrontamento permanente".