O Ourense CF perde pola mínima o enfrontamento directo de Guadalaxara (1-0)
O equipo galego puido adiantarse na acción anterior ao gol, pero á contra decidiu Eulate
O Guadalaxara ponse a catro puntos do Ourense CF, que marca a salvación
O Ourense CF caeu na súa visita ao Pedro Escartín, diante do penúltimo clasificado, que queda a catro dos galegos. Foi un partido con poucas ocasións, que se decidiu a prol do cadro local xusto despois do único remate a porta dos das Burgas.
O Guadalaxara levou a iniciativa na primeira metade, pero o Ourense CF mantivo a súa porta a 0. Alberto saiu ao rescate dos seus cunha man salvadora no minuto 2. O Guadalaxara pediu unha revisión arbitral por unha agresión sobre Javi Gómez, pero o colexiado non viu nada punible.
Foi unha primiera metade sen achegamentos de perigo dos galegos, pero o Guadalaxara tivo outra clara, cun remate cruzado que sacou baixo paus Hugo Sanz.
Na continuación entrou algo mellor o Ourense CF, aínda que a primeira intervención volveu ser de Alberto, logo dun disparo de Javi Gómez. Pero o que máis traballo tivo foi o árbitro, que tivo que revisar primeiro unhas posibles mans na área do Guadalaxara, e logo dun posible penalti sobre Neskes. Non atendeu ningunha das peticións.
Moveuse o banco e Martín Ochoa, un dos novos, gozou da mellor ocasión do partido. Foi cun remate que saiu cruzado por moi pouco, logo dun centro de Raúl Hernández. Puido ser o tanto do Ourense CF.
Pero o destino do partido sería aínda máis cruel co cadro galego, que dispuxo dunha falta no 84 que acabou cunha cabezada entre os paus, a primeira do partido. Parouna Zarco e lanzou unha contra que acabou no gol local de Eulate, apenas 20 segundos despois. Do 0-1 pasouse ao 1-0, que xa sería definitivo. Derrota do Ourense CF antes do importante derbi da semana que ven co Arenteiro.