O Ourense CF acada o primeiro triunfo da Liga contra o Arenas (1-0)
O partido decidiuno un gol de César Moreno a saque dunha falta
O cadro de Dani Llácer aguantou as escasas acometidas dos vascos e asegurou a vitoria
O Ourense CF sorrí tamén na Liga, nunha semana intensa na que se clasificou para a segunda rolda da Copa, e tamén acadou o primeiro triunfo no torneo da regularidade. E foi contra un Arenas que queda a so tres puntos na clasificación.
O partido comezou con dominio visitante. Tocaba o Arenas, controlaba a posesión, pero as ocasións de perigo non chegaban, máis aló dun par de accións de Baba para os vascos, e un remate lonxano de Omar para o Ourense CF. Pero foi o equipo galego o que golpeou primeiro. Foi logo do saque dunha falta desde a dereita, que cabeceou Jelbat para asistir a César Moreno, que batía a Anartz. Estaba en posición correcta.
O gol axudoulles aos de Dani Llácer a facerse con algo máis de control do balón ata o descanso. O Arenas, que xa non inquedara moito, non atopou o camiño da área de Álvaro Ratón, mentres a última ía ser para o Ourense CF, nunha longa conducción de David Muñoz que acabou estrelando no lateral da rede.
O primeiro aviso da continuación tamén levou a signatura de Baba, pero outra vez errou o remate nunha contra, que saía moi desviado. Por detrás no marcador, o cadro visitante intentaba facerse co control do encontro, pero non era quen de crear ocasións máis aló dos remates desviados de Baba. E tampouco Álvaro Vázquez era quen de atinar ben asistido por Baba.
O Ourense CF agardaba a súa e Jerín dispuxo dun claro remate que lle sacou o porteiro, antes de que Kensly quedase tamén nunha gran situaciópn de disparo, que cruzou demasiado. O marcador xa non se moveu, e o Ourense CF culmina a súa semana máxica co primeiro triunfo ligueiro despois de eliminar un primeira como o Oviedo da Copa.