O Obradoiro segue estancado nas seis vitorias (72-81)
O Gran Canaria decidiu o partido no último cuarto
Sexta derrota dos de Moncho Fernández, que non se afastan dos postos de perigo
Non levanta a cabeza o Obradoiro, que continúa estancado nas sete vitorias. Leva seis derrotas seguidas (non gañou en 2024) e mantense só cun triunfo de marxe sobre a zona vermella. Ben é certo que o rival que chegaba a Sar non era o idóneo para remontar. O Gran Canaria, co triunfo en Santiago, leva sete gañados dos últimos oito encontros e demostrou ser un equipo moi sólido.
Durante trinta minutos a igualdade foi máxima. No primeiro tempo a máxima vantaxe foi de catro puntos (18-14 a prol do Obradoiro). 22-24 ao remate do primeiro cuarto e 36-38 no tempo de lecer. A mellor nova para o equipo santiagués foron os bos minutos de Rigoberto Mendoza (13 puntos nesa primeira metade).
A segunda metade comezou cun +6 para Gran Canaria (36-42), recuperou o Obradoiro pero acabou o cuarto cinco puntos abaixo (53-58). E no último apareceron Slaughter e Salvó para sentenciar. Xunto con Ethan Happ (19 puntos e 30 de valoración) convertéronse nos elementos máis decisivos do cadro canario. Puxéronse por riba dos dez puntos (62-73) e xa non soltarían esa vantaxe.