O Obradoiro reacciona a tempo e xogará a eliminatoria definitiva para estar na BCL
Chegou a ir perdendo por dez puntos xusto antes do descanso pero reaccionou na segunda metade
O Estrasburgo francés será o rival con que se atope na gran final
O Obradoiro xogará a última eliminatoria para acceder á Basketball Champions League. Desfíxose con problemas do Lexia de Varsovia polaco por 74-66 e enfrontarase ao Estrasburgo no partido decisivo.
Os dous conxuntos empezaron moi entoados no aspecto ofensivo. O Obradoiro conquistaba unha pequena vantaxe no primeiro cuarto grazas á superioridade que tiña no rebote (22-17). Pero os polacos aproveitaron os erros obradoiristas no segundo cuarto e déronlle a volta ao partido. Os de Moncho Fernández non atinaban en ataque e xusto antes do descanso acendíanse as alarmas cun 30-40.
Tocaba reaccionar, e fíxoo sobre a defensa o Obradoiro. Freou o ataque do Lexia e aproveitou minutos de inspiración de Washington e Howard no lanzamento exterior. Ao final do terceiro cuarto empataba o partido (51-51) despois de ir case 17 minutos por debaixo.
No último cuarto parecía marchar (60-52), pero volveu apertarse o partido (63-60). Nos intres decisivos volveu demostrarse a calidade de xogadores como Scrubb ou Washington, máximos anotadores do Obradoiro, para seguir con vida en Europa.