O Obradoiro comeza o camiño europeo cunha malleira ao Mornar (90-56)
O Obradoiro comeza o camiño europeo cunha malleira ao Mornar (90-56)
Howard (seis triplas de seis) e Álvaro Muñoz (catro triplas) machacaron desde o perímetro
O rival nas semifinais da rolda previa será o Lexia de Polonia
O Obradoiro comezou dun xeito contundente a andaina europea. Na primeira eliminatoria da previa da Basketball Champions League o cadro santiagués non tivo piedade do Mornar de Montenegro, ao que derrotou por 90-56.
O partido quedou sentenciado no primeiro tempo, que rematou cun 56-23, máis de trinta puntos de vantaxe a prol do Obradoiro, o cal amosou a diferenza entre os dous equipos.
O partido comezou igualado (6-7), pero o Obra fixo un parcial de 8-0; isto marcou a pauta do primeiro cuarto, que rematou cunha diferenza de oito puntos (21-13). Os de Moncho Fernández esnaquizaron o rival no segundo cuarto, que comezou cun 7-0. A partir dese intre a diferenza non fixo máis que aumentar ata o 56-23 con que foron os equipos ao vestiario.
Era complicado manter a intensidade e o segundo tempo foi un trámite. Serviu para que Howard firmase unha impecable tarxeta no tiro exterior cun seis de seis nas triplas. E para pouco máis. Vinte minutos en que Moncho rotou moito o equipo pensando no seguinte partido, o xoves ante o Lexia de Varsovia polaco.