España lidera o seu grupo cunha incontestable vitoria ante Croacia (4-1)
Actuación destacada de Lamine Yamal, que marcou dous goles
Marcaron tamén Marc Pubill e Nico Williams
No outro partido do grupo, Inglaterra gañou a Rep. Checa por 0-2
Enfrontaba este encontro o seleccionador Luis de la Fuente con algúns movementos no once inicial con respecto ao do sábado en Wembley. Hoxe no Sánchez-Pizjuán foron titulares Fermín, Huijsen e Zubimendi, que seguiron o guión establecido.
O dominio do balón da selección española foi patente desde o primeiro minuto. Saque inicial do medio do campo e a selección encadeaba 26 pases consecutivos para transformar o primeiro gol da campioa do mundo. Disparo axustado de Lamine Yamal, que abría o marcador e o seu contador persoal. Desde ese primeiro aviso, tivo España moitas outras oportunidades de poñer maior distancia no marcador, cun disparo á madeira de Fermín e outro bo lanzamento de Cubarsí que por pouco non entrou na portería croata.
Aínda así, foi Dion Beljo o que aproveitou a primeira oportunidade do equipo balcánico para poñer o empate. Pouco durou o susto en Sevilla, xa que Pubill aproveitou un rexeitamento propio Lamine para adiantar de novo a España. 2-1 ao descanso.
Na segunda metade, a tónica foi semellante, tanto que volvería ser Lamine Yamal o primeiro en marcar. A selección croata apenas tivo dous disparos á portería defendida por Unai Simón nesta segunda metade. O definitivo 4-1 chegaría xa no minuto 89, gol de Nico Williams, que entrara ao terreo de xogo no descanso.
No outro partido do grupo de España, Inglaterra gañou por 0-2 a República Checa no Fortuna Arena de Praga con goles de Gordon e Kane. Polo tanto, a selección de Luis de la Fuente ponse líder en solitario do grupo C.