O Obradoiro baixa as prestacións no segundo tempo e perde en Badalona

O equipo santiagués gozou dunha vantaxe de once puntos no treito final da primeira metade (30-41)

G24.gal 10/12/2023 14:19

O Obradoiro fixo un gran primeiro tempo diante do Joventut, pero non conseguiu manter as prestacións na segunda parte e acabou perdendo por 78-69. No treito final manexou unha diferenza de once puntos, a máxima que tivo calquera dos dous equipos. 

A cousa comezara ben (9-16) pero no treito final do primeiro cuarto o Joventut acadou un 11-2 que os puxo por diante. No segundo cuarto volveu a mellor versión do cadro santiagués. Tinkle e Badzim atopaban o aro contrario con moita facilidade e o Obradoiro conseguiu irse por riba dos dez puntos de marxe. A pouco do final estaba gañando por 30-41. 

Pero no terceiro cuarto freouse a produción ofensiva do cadro obradoirista. Aproveitouno o Joventut para ir recortando diferenzas pouco a pouco e igualar o parcial (55-55) xusto antes de entrar no último cuarto. 

Aí foi onde o Obradoiro acabou de estragar todo o traballo ben feito. Pasouse dun 57-57 ao 68-59 en cinco minutos de seca en ataque. O Joventut xa non deixaría que os santiagueses se meteran no partido e acabou levando o triunfo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade