Publicador de contidos

Publicador de contidos

O nutricionista Ricardo Estévez avisa de que as bebidas enerxéticas son máis que cafeína

O nutricionista Ricardo Estévez avisa de que as bebidas enerxéticas son máis que cafeína

A partir de marzo estará prohibido o seu consumo entre menores en Galicia

G24.gal 11/01/2026 14:00 Última actualización 11/01/2026 14:58

As bebidas enerxéticas non son recomendables a ningunha idade, pero os menores metabolizan peor as substancias que levan. O dietista e nutricionista Ricardo Estévez cre que falta coñecemento dos riscos.

"Porque se pensa que son só cafeína e as bebidas enerxéticas son tamén estimulantes, aminoácidos, extractos herbais e, ás veces, vitaminas. Unha mestura que fai difícil saber o que vai pasar aí. Non o sabemos nós, os nutricionistas, como para que un pai o vaia saber", explica. 

O seu consumo pode causar, sobre todo, ansiedade, irritabilidade e insomnio. Pero, tamén hai constancia, por exemplo, de efectos cardiovasculares.

"Cambios na presión arterial, problemas de circulación ou mesmo, se a persoa é moi sedentaria, hai casos documentados nos Estados Unidos de trombose venosa profunda", relata Ricardo Estévez.

O nutricionista observa un incremento do seu consumo entre a mocidade desde hai cinco ou seis anos.

"Xa antes da pandemia empezou a experimentar unha forte suba e creo que nestes últimos anos colleu impulso", puntualiza.

A rapazada bebe estes produtos para concentrarse nun exame ou mesmo para ir de festa, mesturados con alcohol.

"As bebidas enerxéticas poden enmascarar o efecto do alcohol, o embriagamento, e facer máis fácil situacións como o coma etílico", subliña o dietista e nutricionista.

Estévez veo tamén moi presente en competicións deportivas e alerta dos efectos.

"Pode causar alteracións no metabolismo da glucosa e darlles un baixón no medio da carreira e mesmo, se a intensidade da proba é alta, ata un evento cardíaco", avisa.

A Xunta publicou esta semana unha lei que equipara as bebidas enerxéticas ao alcohol e prohibe a súa venda e consumo entre menores.

"É unha decisión que se debía tomar hai tempo. Alégrome de que Galicia sexa pioneira neste tipo de regulamento e oxalá tamén tome medidas o resto de España", opina Ricardo Estévez.

O regulamento entra en vigor o 7 de marzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade