O número de sinistros contra animais duplicáronse nos últimos anos
Os accidentes de tráfico contra animais duplicáronse nos últimos cinco anos ata chegar aos 11.400
A maioría prodúcense en zonas rurais, durante as noites da fin de semana e entre os meses de setembro e decembro
Os accidentes contra animais son cada vez máis habituais nas estradas españolas. Segundo un informe de Línea Directa, estes sinistros duplicáronse nos últimos cinco anos ata chegar aos 11.400. A maioría prodúcense en zonas rurais, durante as noites da fin de semana e entre os meses de setembro e decembro.
Santiago Velázquez, director de Comunicación de Línea Directa, asegura que este incremento é debido á despoboación e ao abandono do medio rural. Tamén sinala que dende que comezou a pandemia os accidentes contra animais domésticos aumentaron un vintedous por cento.
Pero o animal que segue causando máis estragos nas estradas galegas é o xabaril. Segundo datos da DXT, foi o culpable de 3.340 accidentes de circulación na nosa comunidade o ano pasado, a maioría nas provincias de Lugo e Ourense. De aí a importancia de saber actuar nestes casos.
Cristina Sinde, da autoescola SC-20, recomenda frear forte, non cambiar de carril, non dar golpes de volante e se a colisión é inevitable sinalizar a zona para evitar outro accidente e chamar aos corpos e forzas de seguridade.
Outra das recomendacións é non tocar nunca o animal xa que se está ferido de gravidade pode atacarnos para intentar defenderse.