Publicador de contidos

Publicador de contidos

Robert Francis Prevost: o primeiro estadounidense en gobernar a Igrexa

Robert Francis Prevost: o primeiro estadounidense en gobernar a Igrexa

Misioneiro e colaborador próximo de Francisco, aposta polo diálogo e a transparencia

É o primeiro papa nacido nos Estados Unidos e coñecedor profundo da realidade latinoamericana

Robert Prevost, novo papa
G24.gal 08/05/2025 18:27 Última actualización 08/05/2025 21:38

Afable, moderado e reservado, o cardeal estadounidense Robert Francis Prevost —desde este xoves papa León XIV— foi unha das grandes apostas do defunto Francisco. O pontífice arxentino confioulle a dirección do Dicasterio para os Bispos e a presidencia da Comisión Pontificia para América Latina, cargos clave na estrutura vaticana.

Misioneiro da antiga Orde de San Agostiño, Prevost tamén ten nacionalidade peruana e foi durante anos un colaborador discreto pero constante de Francisco. A súa elección como pontífice foi a sorpresa dun conclave no que entrou como "outsider", afastado dos nomes máis repetidos, pero co aval de boa parte dos cardeais de América do Sur e do Norte.

Un perfil moderado e transversal

O seu carácter dialogante e a súa postura moderada permitíronlle tender pontes entre as faccións conservadoras e reformistas da Igrexa. Ese perfil fixo del unha figura de consenso nun momento de fortes tensións internas e críticas ao rumbo emprendido por Francisco.

Prevost naceu en 1955 en Chicago e iniciou a súa carreira eclesiástica no noviciado agostiño de Saint Louis. En 1981 profesou os seus votos e, tras estudar Teoloxía e Dereito Canónico en Roma, foi ordenado sacerdote en 1982. Con só 28 anos foi enviado a Perú, país co que mantén un vínculo profundo desde aquela primeira misión en Chulucanas (Piura).

Entre 1985 e finais dos anos 90, desenvolveu un intenso labor pastoral e vocacional en cidades como Trujillo, Iquitos ou Apurímac. Tamén exerceu como docente e prior xeral dos agostiños en Chicago antes de que, en 2014, Francisco o nomease administrador apostólico de Chiclayo. Un ano despois pasou a ser bispo desa diocese e, en 2018, vicepresidente segundo da Conferencia Episcopal Peruana.

Un home chave na elección de bispos

En 2023, o papa Francisco chamouo a Roma para nomealo cardeal e poñelo ao fronte do Dicasterio para os Bispos, organismo responsable de seleccionar os novos prelados en todo o mundo. Neste cargo, Prevost participou en decisións relevantes, como a destitución do bispo estadounidense Joseph Strickland, afastado pola súa deslealdade coa Santa Sé.

Francisco confioulle tamén a presidencia da Comisión para América Latina, recoñecendo o seu coñecemento profundo da realidade social, relixiosa e humana do continente que concentra a metade dos católicos do mundo.

Compromiso pastoral e transparencia fronte aos abusos

A nivel doutrinal, Prevost compartiu a visión pastoral do seu predecesor, reivindicando un clero "achegado ao pobo" fronte a modelos xerárquicos máis ríxidos. Tamén se posicionou con claridade ante os escándalos de abusos sexuais na Igrexa, esixindo transparencia e acompañamento ás vítimas, como fixo fronte ao caso do grupo Sodalicio de Vida Cristiana en Perú.

A elección de León XIV representa unha novidade histórica: con 69 anos, é un dos papas máis novos das últimas décadas e o primeiro nacido no corazón dun dos grandes poderes mundiais, os Estados Unidos.

O tenis: unha das súas maiores afeccións

O novo papa é un afeccionado confeso ao tenis. 

“Considérome un tenista afeccionado. Desde que saín do Perú tiven poucas ocasións de practicalo, así que teño moitas ganas de volver á pista. O meu novo traballo (cardeal) non me deixou moito tempo libre para iso ata agora”, comentou nunha entrevista coa Orde Agostiña publicada no portal augustinianorder.org.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade