Publicador de contidos

Publicador de contidos

O novo modelo de financiamento autonómico, por Santiago Calvo

OPINIÓN

O novo modelo de financiamento autonómico, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 12/01/2026 08:33

O Goberno central deu a coñecer este venres a súa proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico, un dos asuntos máis sensibles da política territorial española e que chega tras o acordo político entre o Executivo e Esquerra Republicana de Cataluña.

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, presentou un modelo que, segundo o Goberno, pretende aumentar os recursos das comunidades autónomas, reforzar a corresponsabilidade fiscal e reducir as diferenzas de financiamento por habitante axustado. Porén, a proposta xa nace rodeada de polémica.

Un dos puntos máis controvertidos é o chamado principio de ordinalidade. Este criterio establece que as comunidades que máis achegan ao sistema deben manter unha posición relativa semellante tras a redistribución dos recursos.

A ministra recoñeceu que o novo modelo non garante esa ordinalidade para todas as comunidades, aínda que si se asegura no caso de Cataluña. De feito, Madrid, que é a rexión con maior capacidade tributaria, seguiría sen ocupar o primeiro posto en recursos recibidos por habitante axustado.

A proposta inclúe unha inxección adicional de arredor de 21.000 millóns de euros ao sistema. A maior parte destes fondos procederían dunha maior cesión de impostos estatais: o IRPF pasaría do 50 ao 55 % e o IVE do 50 ao 55,6 %. Ademais, incorpóranse ao sistema tributos que ata agora estaban fóra da bolsa común, como o imposto sobre o patrimonio ou o de depósitos bancarios, o que implica que parte desa recadación pasará a someterse aos mecanismos de solidariedade territorial.

O novo modelo redefine tamén os criterios de poboación axustada, incorporando máis variables demográficas e recoñecendo custos fixos adicionais para comunidades con baixa densidade de poboación, algo que afecta directamente a territorios como Galicia. A redistribución realizaríase mediante dous grandes mecanismos: unha nivelación horizontal entre comunidades e unha nivelación vertical, financiada polo Estado, que cubriría ata dous terzos da distancia respecto á media de financiamento.

Xunto a isto, créanse novos instrumentos específicos. Destaca un fondo climático dotado con mil millóns de euros, do que dous terzos beneficiarían ás comunidades mediterráneas, e un mecanismo voluntario para que as autonomías poidan recibir parte do IVE xerado polas súas pemes, unha opción que favorece especialmente a Cataluña.

O Goberno garante ademais que ningunha comunidade perderá recursos respecto ao sistema actual, mediante un mecanismo de statu quo que afectaría, sobre todo, a Cantabria e Estremadura. Con todo, esta garantía só se aplicaría no primeiro ano de funcionamento do modelo.

No repartimento concreto dos recursos adicionais previstos no novo sistema, as diferenzas entre comunidades son notables. Cataluña sería unha das grandes beneficiadas, cun incremento estimado de arredor de 4.700 millóns de euros respecto ao modelo vixente. Andalucía tamén recibiría unha contía moi relevante, próxima aos 4.800 millóns, consolidándose como outra das autonomías que máis gañan coa reforma. Galicia, pola súa banda, vería aumentar os seus recursos en algo máis de 580 millóns de euros, unha cifra inferior á doutras comunidades con menor poboación pero con maiores necesidades de nivelación segundo os novos criterios. Madrid, a pesar de ser a principal comunidade achegadora ao sistema, recibiría uns 2.550 millóns de euros adicionais, mantendo unha posición relativa afastada dos primeiros postos en financiamento por habitante axustado.

A grande incógnita segue a ser o impacto real desta reforma nas finanzas do Estado. A ministra defendeu que o maior esforzo económico se sustentará no crecemento e no dinamismo da recadación, aínda que recoñeceu que o Executivo terá menos marxe para desenvolver políticas propias. Un debate que, lonxe de pecharse, acaba de comezar.

As claves económicas da semana

Arrincamos unha semana decisiva para o noso peto e para o futuro das contas públicas. Do 12 ao 16 de xaneiro, a economía galega xógase moito en Madrid e nos mercados.

A primeira cita ineludible chega o xoves 15. O INE publicará o dato definitivo do IPC de decembro. O indicador adiantado xa nos avisou dunha moderación ata o 2,9 %, grazas fundamentalmente á baixada dos carburantes. Pero ollo, porque o dato clave será a inflación subxacente e o prezo dos alimentos. Se se confirma ese 2,9 %, teremos a referencia definitiva para as actualizacións de moitos contratos e alugueiros neste inicio de 2026.

En segundo lugar, a política económica sobe de temperatura. Este mércores 14, celébrase a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira. O Goberno central porá sobre a mesa a súa proposta para o novo modelo de financiamento autonómico. A postura de Galicia é clara e firme: rexeitamento frontal a calquera 'financiamento singular' para Cataluña que rompa a caixa común. A Xunta, xunto con outras comunidades, defenderá que o diñeiro debe repartirse atendendo ao que custa realmente prestar os servizos: é dicir, tendo en conta o noso envellecemento e a dispersión da poboación. Espérase unha xornada de moita tensión política.

Rematamos cun apuntamento para os aforradores: semana de choiva de millóns na bolsa. Grandes empresas como Endesa, Repsol ou Cellnex pagan dividendos estes días. Unha inxección de liquidez que sempre vén ben na costa de xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade