O norte de Portugal, ateigado de galegos nesta xornada festiva
A afluencia masiva notouse xa nas ringleiras de vehículos na fronteira e despois tanto nos postos da feira coma nas rúas da fortaleza
Un costume clásico que non falla, cando cadra festivo en mércores a invasión de galegos no mercado de Valença está garantida. Ademais a meteoroloxía acompaña cun día estupendo para o paseo.
A afluencia masiva notouse xa nas ringleiras de vehículos na fronteira e despois tanto nos postos da feira coma nas rúas da fortaleza. Vendedores e compradores suliñaban que nin os postos do mercado escapan á suba de prezos. Iso si, nos restaurantes apenas quedaban mesas libres hoxe para o xantar.
Onde sempre hai sitio é os centos de postos da feira. Nun día coma hoxe un chisco máis apertados porque a afluencia é masiva.
Coa inflación disparada, as supostas bicocas do mercado xa non son tales, segundo algúns compradores.
Máis vale unha feira que sete mercados, di o refrán. E se cadra en festivo no país veciño, pois mellor. Para os comerciantes de Valença un día coma hoxe cobre as ganancias dun mes.