Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Nobel da Paz 2022, para defensores de DDHH de Bielorrusia, Ucraína e Rusia

O Nobel da Paz 2022, para defensores de DDHH de Bielorrusia, Ucraína e Rusia

O bielorruso Ales Bialiatski e as organizacións rusa Memorial e a ucraína Center for Civil Liberties recibirán o Premio Nobel da Paz 2022

O comité do Nobel salientou que este galardón recoñecía o seu traballo "polo dereito a criticar ao poder" e "denunciar crimes contra a humanidade"

Imaxe creada polo Centro para as Liberdades Civís para celebrar Premio o Nobel da Paz 2022 Imaxe creada polo Centro para as Liberdades Civís para celebrar Premio o Nobel da Paz 2022
G24.gal 07/10/2022 11:57

O bielorruso Ales Bialiatski e as organizacións rusa Memorial e a ucraína Center for Civil Liberties recibirán o Premio Nobel da Paz 2022 "polo dereito a criticar o poder" e "denunciar crimes contra a humanidade", anunciou este venres o Comité Nobel noruegués, con sede en Oslo.

A Academia norueguesa "desexa honrar a tres destacados campións dos dereitos humanos, a democracia e a convivencia pacífica nos países veciños Bielorrusia, Rusia e Ucraína", comunicou ao anunciar os nomes dos galardoados.

Bialiatski creou Viasna "en resposta ás reformas constitucionais que deron poderes autoritarios ao presidente"

Destaca o Comité do Nobel da Paz que Bialiatski "foi un dos iniciadores do movemento democrático que xurdiu en Bielorrusia a mediados da década de 1980. Dedicou a súa vida para promover a democracia e o desenvolvemento pacífico no seu país de orixe".

Bialiatski creou Viasna (primavera) "en resposta ás reformas constitucionais que deron poderes autoritarios ao presidente. Na  actualidade segue detido sen xuízo", lembrou Berit Reiss-Andersen, presidenta do comité, ao anunciar o galardón compartido.

A organización rusa Memorial foi creada en 1987 para asegurarse de que as vítimas da opresión do réxime comunista nunca fosen esquecidas

A ONG rusa Memorial, o comité sueco lembra que recompilou e verificou información sobre abusos e crimes de guerra perpetrados contra a poboación polas forzas rusas e prorrusas. "En 2009, a xefa da sucursal de Memorial en Chechenia, Natalia Estemirova, foi asasinada por mor deste traballo".

Memorial baséase na noción de que confrontar os crimes pasados é esencial para previr novos. A organización tamén estivo á fronte dos esforzos para combater o militarismo e promover os dereitos humanos e un goberno baseado no Estado de dereito, segundo explicou a organización.

Memorial foi creada en 1987 por activistas de dereitos humanos na antiga Unión Soviética que querían asegurarse de que as vítimas da opresión do réxime comunista nunca fosen esquecidas.

Centro para as Liberdades Civís fundouse co propósito de promover os dereitos humanos e a democracia en Ucraína.

O terceiro premiado é o Centro para as Liberdades Civís. Fundouse co propósito de promover os dereitos humanos e a democracia en Ucraína. "Tomou unha posición para fortalecer a sociedade civil ucraína e meter presión ás autoridades para facer de Ucraína unha democracia de pleno dereito", constata o comité.

O centro ucraíno "converteuse nunha fonte importante para documentar crimes de guerra por parte de Rusia e desempeña un "papel pioneiro" para facer render contas aos culpables", explica a Academia Sueca.

"Cos seus constantes esforzos a favor dos valores humanistas, o antimilitarismo e os principios do dereito, os gañadores deste ano revitalizaron e honraron a visión de paz e fraternidade entre as nacións de Alfred Nobel, unha visión moi necesaria no mundo de hoxe", agrega.

Na conferencia de prensa posterior ao anuncio do premio, Reiss-Andersen resaltou a "importancia" dos galardoados por "promover outros valores que os da guerra e a agresión" no medio dun conflito bélico en Europa "con efectos globais", aínda que lembrou que todos os anos hai guerras en curso cando o Comité Nobel ten que fallar o galardón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar