O Mundial coroa a Messi como The Best
Alexia Putellas, malia a súa grave lesión, repetiu título na categoría feminina
Scaloni foi considerado o mellor adestrador do mundo
O premio ao mellor xogador concedido pola FIFA volve pertencer a Leo Messi. Desde 2019 non gañaba The Best (O Mellor), pero neste 2022 e logo de impoñerse coa Arxentina no Mundial, o trofeo volveu ás súas mans. Pode que sexa o derradeiro, porque con 36 anos Messi está dando as súas últimas leccións no fútbol.
Acompañárono Kylian Mbappe, chamado a dominar este galardón na vindeira década, e Karim Benzema, que hai uns meses levou o Balón de Ouro.
A Arxentina copou varios premios principais, como o de mellor seleccionador, para o renovado ata 2026 e con pasado (e futuro) na Coruña Lionel Scaloni, ou con Dibu Martínez, ao que lle deron o de mellor porteiro (curiosamente non estivo no XI ideal da FIFA).
No fútbol feminino Alexia Putellas levou o galardón malia padecer unha lesión de longa duración e apenas poder xogar partidos no pasado 2022.