O ministro Planas defende o sector cárnico e Casado esixe a destitución de Garzón
O titular de Agricultura evitou desautorizar expresamente as palabras do ministro
O líder da oposición esixiu "unha rectificación" e que Sánchez asuma "responsabilidades"
Continúa a polémica arredor da industria cárnica e as macrogranxas tras as palabras do ministro de Consumo, Alberto Garzón, no xornal británico The Guardian.
O titular de Agricultura, Luis Planas, rachou este sábado o seu silencio nunha entrevista na Ser e a través da súa conta de Twitter.
Planas evitou desautorizar directamente as palabras de Garzón. Asegura que o Goberno de coalición apoia "con feitos" o sector, ao que cualifica de "clave na alimentación e na economía" española.
"O sector gandeiro é o 38 % de toda a produción final agraria, temos máis de 900.000 explotacións, máis de 97.000 empregos. É un sector moi potente, ao que tanto a gandería intensiva como extensiva apoia plenamente o Goberno", dixo Luis Planas.
Ante a pregunta de que fai o Ministerio para evitar a contaminación das macrogranxas, Planas respondía así:
"Sobre a regulación, pois mire, non comezamos precisamente onte".
Facía referencia a varios decretos, que fixan as "condicións de produción", os "temas medioambientais e de benestar animal".
Pola súa banda, o líder da oposición, Pablo Casado, tamén defendeu a industria cárnica e volveu esixir a destitución de Alberto Garzón.
Casado, ademais de reclamar a saída do ministro de Consumo do Goberno, esixiu "unhas desculpas", "unha rectificación" e que Pedro Sánchez asuma "responsabilidades".
"A gandería en España supón 9.000 millóns de euros de exportacións, unhas exportacións que se poñen en risco en The Guardian dicindo que as granxas en España maltratan animais e exportan carne de mala calidade", asegurou Casado, e engadiu:
"Fronte aos ataques aos agricultores e gandeiros, o único que pido é que se asuman responsabilidades. Sánchez debe cesar o ministro Garzón e se non pode facelo deberá asumir a responsabilidade de que non é capaz de cambiar o seu propio Goberno porque depende dos partidos radicais".