Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xa son 10 os detidos e 80 os identificados tras os disturbios violentos de Torre Pacheco

Xa son 10 os detidos e 80 os identificados tras os disturbios violentos de Torre Pacheco

Marlaska sinala a Vox polos disturbios en Torre Pacheco e di que detrás hai grupos organizados

Podemos denunciará a Vox ante a Fiscalía pola "cacería contra o inmigrante" e o PSOE denuncia o líder rexional de Vox en Murcia

Abascal nega responsabilidades sobre o acontecido na localidade murciana, pero di que "non dará un paso atrás"

(Europa Press / Martín C.)
G24.gal 14/07/2025 09:43 Última actualización 14/07/2025 22:21

O dispositivo de seguridade despregado en Torre Pacheco (Murcia) polos altercados dos últimos días deixa un balance provisional de dez persoas detidas, entre elas os tres presuntos implicados na agresión dun veciño o pasado mércores, máis de trinta sancións impostas pola Lei de Seguridade Cidadá e 80 persoas identificadas.

Segundo informou a delegada do Goberno, Mariola Guevara, entre os arrestados tamén figuran sete persoas acusadas de participar nos altercados, con delitos de odio, lesións e desordes públicas.

A delegada sinalou que entre os identificados hai numerosas persoas con antecedentes que proceden de fóra do municipio. O dispositivo policial segue activo debido ás convocatorias detectadas en redes sociais e conta coa presenza de unidades especiais para garantir a orde pública.

"Seguimos traballando para protexer a convivencia e a seguridade de todos os veciños de Torre Pacheco e do resto da Rexión de Murcia. Non imos permitir que grupos radicais e violentos, alleos ao municipio, poñan en risco a paz social", asegurou Guevara no seu comunicado.

Marlaska responsabiliza a Vox e "os discursos como os de Vox"

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska culpou a Vox dos disturbios que se veñen producindo na localidade murciana de Torre Pacheco e sostivo que detrás dos altercados hai grupos organizados, que están a actuar en resposta á malleira que recibiu un veciño presuntamente a mans de migrantes.

Así o dixo este luns nunha entrevista na Cadena Ser, en que sinalou o partido de Santiago Abascal por falar de inmigración criminal que roubou a paz e a prosperidade, alentando a chamamentos e a accións fóra da lei, como a que se está producindo en Torre Pacheco.

"É culpa de Vox e culpa dos discursos como os de Vox", afirmou o titular de Interior, reivindicando que non hai ningunha identificación entre delincuencia e inmigración, unha realidade que corroboran as estatísticas do Ministerio do Interior. Iso si, mostrouse consciente de que desgraciadamente eses discursos simples calan e buscan a emoción dos cidadáns.

"Grupos organizados" detrás dos disturbios

O ministro afirmou que, evidentemente, detrás dos disturbios na localidade murciana hai grupos organizados, entre outras cousas porque chamaron aos disturbios en redes sociais e porque a Garda Civil identificou máis de 20 vehículos tentando entrar no núcleo urbano e porque algúns deles portaban elementos perigosos, como paus ou defensas extensibles.

"Aí hai unha mínima organización, queiramos ou non. A cuestión é logo determinar o grao desta", sostivo, defendendo que a despregadura policial para facer fronte aos disturbios foi a adecuada.

Marlaska tamén cargou contra o PP despois de que o seu secretario xeral Miguel Tellado afirmase nunha entrevista que os de Abascal teñen máis sentido de Estado que o PSOE, e esgrimiu que os populares están absolutamente illados e só ven a Vox como socio factible."Con esa expresión do líder de Vox desta fin de semana dicindo a invasión criminal que nos roubou a paz e a prosperidade. Iso é un partido con sentido de Estado? Ou é un partido que está a chamar a poñer en risco a convivencia necesaria?", incidiu.

O alcalde pide calma e que non veña xente de fóra a agravar a situación

O alcalde de Torre Pacheco, Pedro Ángel Roca, lanzou este luns unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía e de firmeza fronte aos episodios de violencia e pediu evitar a chegada de persoas de fóra da localidade que poidan agravar os conflitos.

Roca dixo que Torre Pacheco é un municipio que aposta pola paz, a convivencia e o respecto mutuo: "Non queremos que veñan de fóra a xerar máis conflitos e complicar a situación". Reclamou que os problemas locais sexan resoltos desde a calma.

Durante a noite do domingo, unha despregadura ampliada de seguridade, que incluíu unidades antidisturbios da Garda Civil, logrou controlar un novo conato de enfrontamento entre dous grupos, un deles procedente de fóra do municipio, segundo informou a policía.

O alcalde destacou o papel crucial das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no mantemento da orde e advertiu sobre o impacto negativo das redes sociais, que están a difundir mensaxes que, na súa opinión, alimentan a tensión.

Pedro Ángel Roca fixo un chamamento aos veciños de Torre Pacheco: "Pido a todos que se tranquilicen e permanezan nas súas casas. Os problemas deben resolverse desde a calma e o respecto. Non queremos xerar máis delincuencia nin violencia".

Podemos denunciará a Vox ante a Fiscalía

O secretario de Organización e coportavoz de Podemos, Pablo Fernández, avanzou que a súa formación demandará ante a Fiscalía aos cargos de Vox que, ao seu xuízo, han alentando violencia contra os migrantes no municipio murciano de Torre Pacheco. E entre eles citou ao presidente desta formación, Santiago Abascal, e o líder do partido en Murcia, José Ángel Antelo.

Tamén cargou contra o titular de Interior, Fernando Grande Marlaska, ao dicir que podía ser ministro do PP e Vox, e denunciou a "case impunidade" da que están a gozar, ao seu xuízo, os agresores de ultradereita, mesmo con algúns policías "compadreando cos nazis".

O PSOE de Murcia denuncia ao líder rexional de Vox por un posible delito de odio

O Partido Socialista da Rexión de Murcia (PSRM) interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía contra José Ángel Antelo, líder rexional de Vox, acusándoo de incitar ao odio mediante as súas declaracións relacionadas cos incidentes en Torre Pacheco.

A portavoz do PSRM-PSOE, Isabel Gadea, asegurou en conferencia de prensa que “o odio ten consecuencias e non pode saír gratis nunha democracia”.

“A ultradereita leva anos criminalizando e deshumanizando a persoas migrantes co respaldo do PP”, afirmou e criticou a actitude de Antelo durante a súa visita a Torre Pacheco o sábado onde encabezou un acto baixo o lema "Deféndete da inseguridade" e onde, segundo os socialistas, fixo declaracións que atentan contra a convivencia e a dignidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade