Publicador de contidos

Publicador de contidos

A princesa Leonor, Medalla de Galicia: "A Galicia quero volver sempre, aquí está o meu fogar"

A princesa Leonor, Medalla de Galicia: "A Galicia quero volver sempre, aquí está o meu fogar"

"Galicia é terra de acollida", asegurou a princesa, "recibiume cos brazos abertos e, case sen decatarme, pasou a formar parte de min"

Alfonso Rueda: "É para nós e para a gran maioría dos galegos un privilexio e un acontecemento excepcional contar coa súa presenza en Galicia" 

A herdeira da Coroa foi nomeada Filla Adoptiva de Marín

G24.gal 14/07/2025 09:33

A princesa Leonor recibiu este luns, de mans do presidente da Xunta, a Medalla de Galicia, a máxima distinción que outorga o Executivo autonómico a personalidades, colectivos ou institucións por méritos ao servizo da comunidade autónoma. Faino como culminación ao seu ano de formación militar na Escola Naval de Marín (Pontevedra).

Na súa alocución, na que empregou o galego e o castelán, Leonor lembrou os meses de formación que pasou na Escola Naval Militar de Marín. Confesou que a súa vida aquí foi intensa e esixente e que gozou do bo ambiente e da comida, sobre todo nos furanchos.

A herdeira da Coroa asegurou: "Non vou ter morriña, a Galicia quero volver sempre"; e, parafraseando a coñecida canción de Los Limones del Caribe, indicou: "Aquí está o meu fogar, onde acaba o mar".

O presidente da Xunta Alfonso Rueda asegurou que a entrega da Medalla de Galicia a Leonor representa o cariño, adhesión e lealdade de Galicia á súa persoa e á coroa de España.

Segundo dixo: "Contar coa súa presenza en Galicia é para nós e para a gran maioría dos galegos un privilexio e un acontecemento excepcional".

Na praza do Obradoiro había expectación para ver a princesa Leonor de cerca. E algúns, os que estaban en primeira fila, puideron darlle a man ou facer unha foto con ela. Os que conseguiron saudala destacaron a súa amabilidade e proximidade. 

 E mentres, convocados pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, unhas cen persoas mostraron o seu desacordo coa concesión da Medalla de Ouro de Galicia á princesa de Asturias. A protesta celebrouse na praza de Fonseca, a uns metros da praza do Obradoiro, onde na sede da Xunta, Leonor recibiu a medalla. O Bloque Nacionalista Galego considera que non merece esa honra porque, aseguran, non fixo nada polo pobo galego.

Os socialistas galegos estiveron representandos na entrega da medalla á princesa Leonor coa vicevoceira do grupo parlamentario, Elena Espinosa. O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, explicaba en Ferrol que o seu partido é esencialmente republicano.

Filla adoptiva de Marín

Tras recibir a Medalla de Galicia, Leonor foi nomeada Filla Adoptiva da localidade de Marín de mans da súa alcaldesa, María Ramallo, nun acto que tivo lugar este luns no consistorio deste concello pontevedrés. O acto coincide coa festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

A princesa Leonor recibiu "con moito orgullo" o título de filla adoptiva por parte do Concello de Marín (Pontevedra), a que foi a súa "casa" durante meses de formación na escola naval militar, segundo deixou constar xunto á súa firma no libro de honra.

Un libro no que asinou o seu pai o rei Filipe VI no ano 1986, segundo lembraron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A banda da escola naval dedicoulle a peza 'A nova garda mariña', composta para ela.

Próximo destino: a Academia Xeral do Aire, en Murcia

Rematada a etapa de instrución na Escola Naval Militar de Marín, a Princesa Leonor continuará coa súa formación militar.

O vindeiro 1 de setembro incorporarase á Academia Xeral do Aire de San Javier, segundo confirmou este luns o coronel da AGA Luis Felipe González tras o acto de entrega dos Reais Despachos aos 124 alumnos da 76 promoción, que presidiu o rei.

González asegurou que o teñen todo preparado cun plan de estudos equivalente ao dos seus compañeiros de cuarto curso.

Así, a Princesa non recibirá despacho ningún, senón que ascenderá a gardamariña de segundo curso equivalente a alférez de cuarto curso na Academia Xeral Militar ou na AGA, segundo fontes do Ministerio de Defensa consultadas por Europa Press.

Leonor vai recibir a gran cruz ao Mérito Naval o vindeiro mércores, día 16, e pasará á AGA este ano. O acto desenvolverase na Escola Naval Militar en Marín (Pontevedra).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade