O "mindfulness", un novo xeito de facer o Camiño de Santiago
A atención plena é unha práctica que ten a súa orixe no budismo
Dous monitores comezan na primavera a facer tramos con grupos reducidos
Mita Beutel e Manuel Mariño practican o mindfulness nun treito do Camiño de Santiago. A atención plena é unha práctica de orixe budista que consiste en prestar atención plena ao que está sucedendo aquí e agora.
"O mindfulness axúdache a estar co outro, a estar contigo e coa natureza, e aprender que só temos isto, porque ou a cabeza está no pasado, pensando, ou no futuro, e perdemos o momento presente", comenta Mita.
Ambos os dous monitores queren levar esa práctica, que forma parte da súa vida diaria, ao camiño de Santiago con grupos reducidos. En maio percorrerán a ruta dende O Porto a Compostela, con 15 persoas procedentes dos Estados Unidos.
"Como consecuencia da práctica vas conseguindo unha mirada máis apreciativa das cousas. Hai moitas cousas que están pasando simultaneamente nas nosas vidas, pero só lles prestamos atención a algunhas e non a outras. Entón vaste dando conta de cousas que están xurdindo, que non valorabas, e que ás veces só as valoras cando as deixas de ter", explica Manuel.
Mentres practican a atención plena, crúzanse con peregrinos que fan o Camiño en dirección a Fisterra. Nuno e Thiago son de Portugal. Mauro é italiano e Sergio, de Colombia. Todos falan do benestar que lles produce camiñar.
Para todos eles, camiñar é a propia meta, independentemente dos lugares polos que pasan e do destino final.