O milagre de Coco, o gato que sobreviviu ao incendio de Valencia
Atopárono oito días despois do sinistro agochado no oco dunha columna seca
Oito días despois do incendio de Valencia produciuse un pequeno milagre. Nun dos pisos máis altos do edificio arrasado polas lapas apareceu un gato vivo. Atopárono os bombeiros cando buscaban obxectos dos damnificados.
O que non contaban era con devolver unha mascota. Andrea, a dona de Coco, rompeu a chorar emocionada. Pero que listo é, dicía, mentres abrazaba o seu micho.
Tan listo como para poñerse a salvo nun oco da columna seca, unha instalación que en caso de incendio permite levar auga aos pisos máis altos.
Os bombeiros non saían do asombro cando atoparon alí a Coco oito días despois do sinistro que arrasou o edificio.
"Estaba dous pisos por riba do meu, no 13. E oito días despois. Dábao por perdido, claro", contoulle Andrea aos xornalistas.
Un pequeno milagre no medio de tanta morte e desolación. Din que os gatos teñen sete vidas. Coco debeu gastar unhas poucas.