Este mércores tampouco hai transporte escolar en 18 centros a causa da neve
Este mércores tampouco hai transporte escolar en 18 centros a causa da neve
Os alumnos que contaron este martes con transporte de ida en horario de mañá disporán de transporte no horario habitual

Ante a evolución do temporal de neve, a Xunta decidiu ampliar a este mércores a suspensión do transporte escolar nas zonas de montaña de Lugo e Ourense, e tamén no sur da provincia de Ourense, debido a que se agarda que as nevaradas continúen. En total son 18 os centros educativos os afectados.
Desde Educación advirten de que as autoridades tamén van manter un seguimento das condicións meteorolóxicas nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro e sur de Lugo, noroeste de Ourense e Valdeorras.
Cambios na xornada desta tarde
Este martes mantense a suspensión do transporte en 17 centros da montaña de Lugo e Ourense. Non obstante, os alumnos que dispuxeron de transporte para acudir ás súas escolas e institutos en horario de mañá, contarán con autobuses para facer a viaxe de regreso, a pesar de que inicialmente se anunciara que se suspendera este servizo.
A suspensión manterase nas zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro e sur de Lugo, noroeste de Ourense e Valdeorras para aqueles que fagan viaxe de ida e volta en horario de tarde.
Máis de 30 centros e 1.200 alumnos afectados pola neve
Un total de 31 centros escolares e 1.125 alumnos víronse afectados polo temporal de neve nas provincias de Ourense e Lugo onde ata sete escolas están coas clases suspendidas.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Educación á primeira hora desta tarde, non hai clases no CFEA de Becerreá, o que afectou a 62 alumnos, e nos CPI de Cervantes e Poeta Uxío Noveneyra (Folgoso do Courel), cun total de 69 alumnos entre os dous.
Tamén suspenderon as clases os CEIP de Negueira de Muñiz, As Nogais, Samos e o Eduardo Cela Vila, en Triacastela, que suman 69 alumnos, polo que son 200 o que están sen clase nesta provincia.
En total, non asistiron ao centro escolar nesta xornada de martes un total de 631 nenos e nenas da provincia de Lugo, xa que as incidencias no transporte escolar afectaron outros oito centros en Baleira, Becerreá, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro.
Ademais, no CEIP A Ponte de Lugo suspendéronse as clases pola entrada de auga.
Polo que respecta á provincia de Ourense, o temporal non obrigou a suspender clases en ningún centro escolar, aínda que hai 15 afectados e un total de 584 alumnos que non asistiron a clase.
Moitos deles corresponden ao IES San Mamede, en Maceda, no que non asisten a clase 158 alumnos, seguido do CEIP Plurilingüe Laureano Prieto, na Gudiña, con 62; e o IES Xermán Ancochea Quevedo en Pobra de Trives, con 58, así como o CPI Tomás Trrrón Mendaño, en Carballeda de Valdeorras, con 57.
Víronse afectados, así mesmo, centros na Gudiña, A Veiga, Castro Caldelas, Manzaneda, A Mezquita, O Bolo, Riós, Viana do Bolo, e Vilariño de Conso.