O Mecalia Guardés supera con autoridade a 3ª rolda da European Cup
As galegas venceron nos dous encontros na pista do HC Byala
No partido de ida xa deixaron resolta a rolda por 19 a 45
Na volta volveron vencer por 39 a 24
Foto: HC Byala
O Guardés avanzou sen problemas cara a seguinte rolda da EHF EC, logo de eliminar ao Byala, malia a que os dous partidos se xogaron na pista do seu rival.
O primeiro encontro saldárono as de Ana Seabra cunha malleira por 19 a 45. Foi un partido de total dominio das galegas, no que todo funcionou á perfección, con ata doce xogadoras vendo porta. Elena Martínez foi a máxima goleadora con 8. Tamén destacaron as porteiras, que superaron o 50% de acerto nas paradas.
O resultado deixaba nun trámite a volta, pero o equpo de Ana Seabra volveu funcionar á perfección. Desta volta a vitoria foi por 39 a 24, con 7 goles de Rosane Serrano, e outra actuación coral con 12 goleadoras. Sabina Mínguez detivo 22 dos 46 lanzamentos recibidos.
O Guardés está xa clasificado para os oitavos de final, rolda que disputará no mes de xaneiro.